Xavier Alcalá, moito máis que o autor de «A nosa cinza»

FUGAS

CESAR QUIAN

O escritor contou coma ninguén as epopeas dos galegos. O selo Galaxia recoñéceo agora coa creación da Biblioteca Xavier Alcalá

23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

De seguro moitas das persoas que hoxe teñen entre as mans este xornal tamén sostiveron nalgún momento A nosa cinza, unha das novelas máis vendidas na historia da literatura galega, case cen mil exemplares. Non recordo en que curso foi lectura obrigada para min, pero si algunhas pasaxes que me debuxaban un sorriso e se converteron en inesquecibles. A finais do pasado ano, Manel Cráneo adaptouna e deulle formato de novela gráfica e, neste mes de xullo, a Editorial Galaxia recuperouna para ser a segunda obra da Biblioteca Xavier Alcalá, que se inauguraba con A capital do mundo, novela que presentou na Feira do Libro da Coruña.

O escritor confesaba nunha entrevista que estaba algo farto de ser recoñecido pola autoría da canción Teño saudade, que interpretou con rotundo éxito Andrés do Barro, e pola novela A nosa cinza, pois ensombrecía un pouco a súa prolífera carreira literaria. Xavier Alcalá entregou o orixinal da novela a Ramón Piñeiro, daquela director literario da Editorial Galaxia; corría o ano 74 e, aínda que o réxime xa agonizaba, eran sabedores de que non pasaría a censura. Pasaron cincuenta anos dende entón, aínda que agardou nun caixón máis dun lustro, pois aquelas páxinas retrataban unha España terrible, escura, amordazada, unha ditadura asfixiante que coñeceu ben o escritor e contra a que se rebelou sempre.

Ferrol é o escenario onde discorre a vida do protagonista, nas mesmas prazas e rúas onde medrou Alcalá. O certo é que el naceu en Miguelturra, na provincia de Ciudad Real, pero aínda era un cativo cando a familia se trasladou á cidade onde seu pai traballaría de médico rural, no barrio de Covas. A lingua familiar era o castelán, pero o galego era omnipresente e aprendeuno xogando, escoitando as leiteiras, as mulleres que traballaban na súa casa ou cando ía con seu pai visitar algún enfermo. A súa militancia galeguista levouno a compoñer cancións; logo, chegarían algúns poemas, para decidirse finalmente pola narrativa.

Doutor en Informática, enxeñeiro de formación, soubo roubarlle horas ao sono, aproveitar as longas viaxes de avión ou as interminables esperas en aeroportos para ficcionar parte da historia do pobo galego. Sabe que ten un atractivo fatal para que a xente lle relate historias da emigración, unha materia inesgotable que «nin unha lexión de escritores daría contado», nas súas propias palabras. Esas aventuras lévannos a outras xeografías, especialmente a Arxentina, Estados Unidos ou Cuba. Alcalá soubo contar coma ninguén as epopeas dos galegos, pero tamén as miserias da emigración americana. Sempre cun gran respecto histórico, creou ficcións sobre temas tan pouco coñecidos como a represión contra aqueles que non comungaban co credo oficial, a través da triloxía Evanxélica memoria; entrou a fondo na Revolución cubana ou na vida dalgúns galegos en lugares tan afastados como a Patagonia.

Esta semana, o escritor celebrou os 77 anos de vida e, a través das súas redes, compartiu imaxes a cabalo ou navegando, gozando do tempo de lecer. Nel segue férreo o seu compromiso lingüístico e coas causas nas que cre e militou sempre. De seguro está a traballar noutro proxecto literario e, como bo enxeñeiro en Telecomunicacións, saberá tocarnos novamente a fibra.