Cun pulso extraordinario

Ramón Nicolás

FUGAS

Ledicia Costas, nunha libraría da Coruña.
Ledicia Costas, nunha libraría da Coruña. MARCOS MÍGUEZ

28 may 2024 . Actualizado a las 22:24 h.

Probablemente o nivel de autoesixencia, chegados a un determinado momento dunha carreira literaria, sexa o responsable de que determinadas pezas literarias adoezan de falta de claridade, de espontaneidade e frescura: algo que non nace per se, antes ben é resultado dun traballo intenso que consiste en puír e limar, en ocasións ata o paroxismo. Non todas as persoas son, en efecto, Otero Pedrayo, quen seica nunca corrixía os seus orixinais. Afirmo todo o anterior ao fío desta última novela de Ledicia Costas —Pel de cordeiro—, esperada con devezo por moitas persoas, entre as que me conto naturalmente.

E non defrauda, a meu entender, esta nova entrega da escritora viguesa. En absoluto. Se se me dá a escoller quedaría, talvez por razóns que nin sequera teño moi claras, a primeira parte englobada baixo o epígrafe de «Catarina», malia que sen esta non se entenda a que vén a continuación, disposta baixo o título de «Lola». Entre ambas as dúas plásmase un mundo onde o sobrenatural e o máxico se enfían no cotián, onde o cultivo e a transmisión dos saberes tradicionais se sitúan nun primeiro plano como tamén o está o deseño dunha sociedade na que o escuro, e obxecto de persecución, está simbolizado nesa muller que, dona dos segredos da morte e do sexo, se sabe poderosa e aprende a habitar os territorios sombríos. E todo este mundo —tamén aquel que nos retrata unha muller de hoxe que vive momentos críticos— aparece retratado cun trazo rápido e firme que deseña un receptor activo, partícipe do que se relata e que ademais non é quen de albiscar cal vai ser a estación final. Os fíos que unen a primeira parte coa segunda cosémolos nós, isto é, construímos nós esa ponte, en aparencia invisible, que une un tempo con outro, unha sociedade con outra, unha muller con outra porque, por se non o dixemos, é esta unha novela onde se reivindica e reclama, por inmanencia, a relevancia do papel da muller ao longo da historia, e especificamente da nosa historia.

Non lembro onde lin que a autora recoñecía levar canda si un ADN cargado de sombras e de luces, aínda que estas, en ocasións, escintilen. Non serei eu quen discuta a afirmación mais si estou convencido de que estas páxinas carrexan un universo peculiar, contado cun pulso extraordinario.