Resulta que queres ir a un concerto en outubro e as entradas están esgotadas dende hai meses. Que pensas coller un tren dentro de dúas semanas e nese horario está completo. Que pretendes pasar unha fin de semana na praia e os aloxamentos de verán voaron en novembro. Os estudos din que saímos da pandemia con ansia de planificación. Nada que discutir: ser previsor é unha virtude. Pero igual que segue dando prestixio iso de ter unha axenda laboral moi ocupada, os tempos actuais conceden un estraño pedigree a aqueles que neste intre, levando a súa antelación ao paroxismo, xa están proxectando plans como unha viaxe no Nadal ou unha escapada na Semana Santa de 2025.
E algo máis: ese espírito da época, coas súas asfixias, non dubida en sinalar a quen se resiste á onda planificadora, atribuíndolle falta de dinamismo ou incapacidade para facer plans coa maioría. Pertenzo á confraría dos mareados por tanta velocidade. Aos recollidos nunha burbulla. Pero sei que aí fóra se axita unha turba ansiosa que responde a unha entrada non conseguida pisando o acelerador para alcanzar outra, forzando a máquina da anticipación. Jorge Martínez, líder de Ilegales, compuxo Agotados de esperar el fin hai agora corenta anos, emocionante tema con ritmos marciais que fala de delincuentes xuvenís, homes do norte e rapazas pálidas que venden anfetaminas. Seica cada vez estamos máis cansos. Que entramos nas consultas cunha fatiga imprecisa, difícil de localizar, que non responde a causas orgánicas. Esgotados por querer encher o baleiro, por pretender chegar a todo, por ter que exhibir en público a nosa colección de plans, por programar cada minuto por medo a quedar fóra. Contaxiados dunha angustia ambiental que nos obriga a comerciar co noso tempo libre, esquecendo a satisfacción de facer cousas sen un obxectivo definido, só polo pracer de situarnos dentro dunha acción. Redacto isto nun bar, entre tipos que imaxino esgotados de esperar o fin, e leo que as reservas nos restaurantes aumentaron un 40 %. Tamén que máis dun terzo dos viaxeiros pecha aloxamento cun mínimo de tres meses de antelación. Apago o portátil e saio á rúa. Outro día que chove igual que en Blade Runner. Mentres camiño, experimento a inquietude de carecer dunha estratexia clara para a seguinte media hora. Penso no que John Fowles escribe en O mago: «Non tiña ningún plan; só o instinto dun neno que quería volver á súa casa».