Protocolo para incomprendidos (I)

FUGAS

Manteña a actitude vixiante das aves nocturnas. Entenda a mecánica dos desertos, lévelle a contraria á actualidade. Cultive un número razoable de extravagancias. Declárese antimoderno. Experimente sentimentos contraditorios, como unha euforia triste ou unha apatía vibrante. Pase inadvertido. Frecuente o menú do día. Interprete papeis secundarios, desconfíe con moderación. Sexa gris. Presuma de carácter previsible. Vexa de novo Doutor en Alaska. Defenda con sangue a sinxeleza, practique a compaixón, sinta unha curiosidade enfermiza. Pida o viño da casa. Perda valor con elegancia, afastándose sen facer ruído. Sexa o ermitán que nunca ten medo de deixarse abrasar pola soidade. Manifeste unha dúbida profunda. Exhiba notables incoherencias. Viva nunha película con Katharine Hepburn e Jack Lemmon.

Ame unha rutina. Sinta a urxencia de ter que sentar no banco dun parque para permitirse o pracer da divagación. Cale en defensa propia. Fale sempre en contra das autoridades. Mírese no espello, adiviñe no rostro a pegada da súa estirpe. Adminístrese un antídoto contra a desmemoria. En tempos de guerra e xenocidio, contáxiese do amor pola humanidade que desprenden as páxinas de Cristo parou en Éboli, a novela de Carlo Levi, pintor e escritor antifascista xudeu-italiano. Chame unha ausencia polo seu nome. Non se moleste en ver demasiadas diferenzas entre manter a dignidade e saír correndo. Ascenda por unha pendente coma un animal furioso, querendo escoitar o primeiro silencio da neve. Cítese en librarías. Entréguese ao imperio da paciencia. Nos días que nacen mortos, sen un faro no horizonte, abríguese cos versos de Idea Vilariño: «Sola bajo el agua, / sola frente al duelo sin luz de la tarde / sola sobre el mundo, sola bajo el aire». Catalogue os niños que as cegoñas construíron enriba dos postes da luz. Tome notas nun caderno. Sorpréndase ante a súa caligrafía. Perda a fe. Entusiásmese con Irma Thomas cantando Break-A-Way e sinta unha amable lixeireza asaltándolle as pernas, xusto entre os xeonllos e os cadrís. Recupere a fe. Intúa os pasos dun amigo que se achega polos soportais. Deixe fluír as bágoas por un morto recente, sexa golpeado pola súa lembranza e remate o pranto aplicándose un sorriso nos beizos, sabendo que se debe proceder así para remendar as rachaduras da vida. Confíe na convicción de Robert Walser: «Ser incomprendidos sempre nos protexe».