O sentido final da vida

Ramón Nicolás

FUGAS

-

01 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Había unha década que Cris Pavón non publicaba unha novela. Á súa estrea como narradora con Limiar de conciencia (2012) seguiulle a proposta Sangue 12 (2014), alén dun libro de relatos e diversas colaboracións en publicacións colectivas, ata chegar a este Eva e Lucy polo que a autora transita por temáticas que non son novas no seu percorrido —o significado da memoria, a preocupación pola ciencia ou a evolución do ser humano, por exemplo— con outras que se exploran con maior profundidade como son os coidados das persoas maiores, as relacións materno-filiais e, ao mesmo tempo, a dialéctica que se establece entre ciencia e relixión.

Organizada en dous bloques, no primeiro deles articúlase un percorrido suxeito á progresiva deterioración cognitiva de Aurora ao coidado dunha filla súa coa que non tivo sempre boa relación e que é unha investigadora da evolución humana. Estas páxinas testemuñan os mundos confrontados de ambas as dúas e plasman con efectividade ese devalo cognitivo dunha muller de férreas conviccións relixiosas desprazada a Compostela desde a cidade de Lugo onde vivía. É na casa de Iolanda onde Aurora conversará sorprendentemente con Lucy, esa femia de homínido da especie Australopithecus afarensis que conta con máis de tres millóns de anos, presente na casa compostelá nun póster que adorna unha parede. Na segunda parte da proposta é cando, tras un discurso de Aurora proclive á confusión e ditado no seo dunha comunidade católica de carácter integrista, xorde o debate científico-relixioso entre Iolanda e un sacerdote que ve ameazas onde non as hai. É aí cando agroma o enfrontamento, cunha deriva realmente humorística, simbolizado por Eva, a primeira muller segundo a tradición bíblica, e a amentada Lucy, que representa outros valores e crenzas, cos restos do apóstolo Santiago polo medio. É así como tamén a novela resulta operativa para procurar, entre conversas e experiencias descritas, o sentido final da vida ou o que é, por exemplo, a biodescodificación; serve tamén para salientar a importancia da linguaxe, sobre todo cando esta se ve ameazada, ou repara na distorsión da memoria que conduce ao invento de recordos falsos. Sen dúbida unha novela moi recomendable.