Non teño valor para despedirme dunha opinión. Todo comezou hai tempo, nos primeiros anos da mocidade. A opinión entrou en min revelándome un mundo que descoñecía, prometendo emocións insospeitadas. Os efectos foron instantáneos, como recibir a trabada dun vampiro. Iluminoume un camiño, unha idea, un convencemento. Aínda que con argumentos bastante simples, apelando máis á vaidade de querer diferenciarse da maioría que a xuízos sólidos, a opinión conseguiu mudar a miña personalidade. Chegaban as comidas familiares e alí estaba eu, defendéndoa con esa paixón irrecuperable de quen fai algo por primeira vez, acaparando as conversas da sobremesa. Non había quen me detivese cos principios e as conviccións. Pero o tempo, cómplice da razón, decidiu facer o seu traballo. Para alivio da miña audiencia fun temperando o fervor das comunicacións, apoiándome en novos argumentos que descubría nos libros ou lle roubaba aos colegas ilustrados. Diría que o pulo da consigna decaeu en favor dunha inofensiva pedantería, ata que unha tarde deixei de sentir a necesidade de airear a opinión. Collinlle gusto a opinar con vehemencia só cando non quedaba outro remedio. E mantívenlle lealdade á miña opinión primixenia igual que se ama unha casa ou unha paisaxe, sen ter que declaralo por aí cun megáfono. Así a todo, pronto comezaría a interesarme polos argumentos da postura contraria. Curiosidade, morbo, ataque de madurez. Quen sabe. O caso é que dei en pasar máis horas considerando as posicións antagónicas que confirmando as miñas, descubrindo nese proceso un gozo semellante ao daquela trabada vampírica da mocidade. Ata que se desatou o cambio. Unha mutación cociñada a lume lento, cargada de análises e avaliacións, que estoupou estes días. Algo que asumín coa comprensible perplexidade e que hoxe debo confesar: acabo de abandonar unha opinión de toda a vida para irme con outra. Penso branco onde antes pensaba negro, estou a experimentar os praceres da autorrefutación. Pero agora teño un problema: non sei como despedirme da vella, da miña opinión de sempre. Non atopo o xeito de dicirlle adeus. Son un pésimo desertor, un tránsfuga acovardado. Un axente dobre, un señor oscilante. Un bañista entre dúas augas. Leva varias noites, a opinión, pedíndome no portal que nos deamos a derradeira oportunidade. E xa comezo a vela tan indiscutible como cando nos coñecemos.