Lembro os días fantasmais da pandemia, cando estabamos metidos nas casas e os mortos eran enterrados sen acompañamento. Cando faciamos cola para abastecernos de comida nos supermercados, cando o exército vixiaba o cumprimento das normas na rúa. Aquela película de terror rematou. Volveron o aire e as celebracións, recuperouse a pel, o movemento, a liberdade roubada. Pero arrastro dende aquela unha viscosa sensación de irrealidade. Múltiples estrañamentos, problemas diarios para aceptar estoutra película. O obxectivo, dixéronnos, era saírmos mellores de todo aquilo: un humanismo máis profundo, unha nova cultura ecolóxica, un consumo menos voraz, unha xusta distribución da riqueza. Propósitos contrarios aos que hoxe, en imparable ascenso, ocupan as portadas dos xornais: extensión da guerra, rearmamento do neofascismo, empeoramento da saúde mental, uso da mentira como arma política, brutalidade financeira. Esa irrealidade que doe e abrasa. Escribiu Idea Vilariño un poema para calmar as queimaduras: «Todo es muy simple mucho / más simple y sin embargo / aún así hay momentos / en que es demasiado para mí / en que no entiendo / y no sé si reírme / a carcajadas / o si llorar de miedo / o estarme aquí sin llanto / sin risas / en silencio / asumiendo mi vida / mi tránsito / mi tiempo».
Cadrei esta semana cun antigo compañeiro da universidade ao que non vía dende a última glaciación. Un deses encontros fugaces nun paso de peóns, antes de poñerse en verde o semáforo, que aproveitamos para recoñecernos no labor de asumir a vida, o noso tránsito, o noso tempo. Apenas falamos dous minutos, pero estivemos dentro dos catorce versos de Idea Vilariño. Confeso que o máis destacable non foi o que nos dixemos, senón o intercambio perplexo de olladas, a asunción compartida de que vivimos unha época histórica cos trazos dunha gran alucinación. Cos anos imos aprendendo a asumir as torpezas emocionais, a chorar a morte das persoas queridas, a apreciar o enorme valor da saúde, a entender antes que xulgar. Eu vou facendo o que podo con iso, pero admito que ando pelexado cos últimos espectáculos da irrealidade. Non atopo acomodo entre as pantasmas. Non sei se chorar de medo ou rir ás gargalladas. E tanta incapacidade faime balancear cada día entre dúas forzas ás que lle cantaba Morfi Grei: entre un furioso rancor cara ao presente e a esixencia a berros dunha sociedade menos áspera.