Este último brinde vai polos que coñecen o nome dos paxaros. Polas que defenden a morte as súas contradicións. Polos que responden a un eloxio cambiando de tema. Polas que inician conversas incómodas. Polas insatisfeitas, polos que non se exhiben, polas que preguntan, polos que aínda o están pensando. Polas que cada hora encaran unha situación crucial. Polos que senten que Héctor Lavoe lle canta ao seu barrio en El día de mi suerte: «Para comer hay que buscarse el real / aunque sea en contra de esta sociedad»
Polas que son rescatadas. Polas que confían en que despois do ataque dun lobo veña a tenrura dun cervo. Polos que viven nun paradoxo. Polos que non fan ruído e chegarán cinco minutos antes. Polas que prefiren estar na barra. Polos que reclaman unha cita presencial, polas que forman grupos de axuda mutua, polos que manteñen unha saudable distancia entre o desexo e a súa satisfacción. Polas que se dirixen á beleza en dirección prohibida. Polos que levan vinte anos entrando por esa porta, polos que nos miran con eses ollos, polas que se rebelan contra o óxido do tempo. Polas que comparten pensamentos estraños, polos que falan de precipicios, polas que senten frío e distancia. Polos que non son os os máis fortes, pero teñen a aparencia dun xigante cando os precisas. Polos que custodian a memoria dun lugar. Polas que exercen a arte de desaparecer. Polas que se trabucan en público, polos que non son capaces, polas que cometen toda clase de torpezas. Polos que engaden contexto e falan con perspectiva. Polos que van tirando. Polas que aí andan.
Polos que se organizan na praza, polas que seguen fóra de control, polos que esta mañá viven asfixiados. Polos que se recoñecen na cor destes dous versos de Mark Strand: «Agora, no medio da miña vida, / son brancas todas as cousas». Polas que si se atreverán a tanto. Polas que manteñen o lume da curiosidade, polos que sinalan os crimes dos señores da guerra, polas que aman esa cidade á que outras veces lle plantarían lume. Polos indisciplinados, polas raras, polos que confían nunha tradición, nun rito, na palabra dada. Polas descontentas, polos que viven paixóns en desorde. Polas que forman ríos de solidariedade nas manifestacións. Polos que se elevan á altura dos místicos. Polas que respiran en calma, polos que nunca se ven fartos. Polos que acariñan animais durmidos. Polas que necesitan un tempo.
Feliz 2024.