Cada nube negra da historia

FUGAS

Bomberos palestinos trabajan entre las ruinas de un edificio en Gaza.
Bomberos palestinos trabajan entre las ruinas de un edificio en Gaza. MOHAMMED SALEM | REUTERS

O horror: miles de nenos asasinados en Gaza. Respirar aquí, na distancia, mentres se reproduce a barbarie —as bombas sobre os inocentes, as infancias rotas—, convértese nun xesto frío, desapiadado. Calquera acto da vida cotiá, amparado baixo un teito, nunha ofensa a esas mortes. Non teño perdón. Estou na cola do supermercado e morre un bebé prematuro nunha incubadora por falta de electricidade. Estou na libraría e unha nai chora co seu cativo ensanguentado nos brazos. Estou no bar e un pai busca entre os cascotes os restos da filla despezada. Estou paseando e non teño vergoña. Escribe Elias Canetti que o ser humano, no máis profundo de si mesmo, nunca se considera tan grande coma cando se ve confrontado cun morto: a visión dun defunto, aínda que non nos decatemos, dispara en nós unha conciencia de inmensidade. Nese intre, os vivos experimentamos a sensación de medrar un pouco. De elevarnos en secreto. De que esa presenza, a pesar de todo, consegue que creza en nós o imperativo de insistir na vida. Non noto ese efecto ante as fotografías de nenos asasinados en Gaza. Supoño que porque Canetti se refería aos mortos sentenciados polas leis da natureza —a enfermidade, a vellez— e non polo uso de explosivos a discreción. Ao contrario: experimento unha mingua moral cada vez que tropezo coa imaxe dunha nai atravesando unha poeira mentres berra o nome dun fillo desaparecido, despois do último bombardeo. Un decrecemento absoluto, unha caída en picado. En Portugal, ao sospeitoso de participar nun delito cualifícano co termo «arguido» Incapaz de atopar outra palabra, adoptei estes días ese adxectivo irmán para definir o meu actual estado de ánimo. Entro no supermercado, merco uns iogures e síntome arguido. Entro na libraría e síntome arguido. Volvo á casa, póñome a escribir e síntome arguido. Sospeitoso de pasividade ante o horror, directamente culpable. Alguén dixo, a modo de esperanza, que cada nube negra da historia ten un bordo de prata. Vexo agora outra imaxe da ignominia —eses corpos pequeniños no chan, envoltos en sudarios— e non me cabe dentro a posibilidade da luz. A nube medra, expande o negro: unha desolación viscosa. Só me cabe este malestar de señor arguido de case todo, inmoral e distante. Espectador da morte. Pensando en facer café mentres unha bomba, a miles de quilómetros, no país que aman Fadwa e Ibrahim, se dirixe ao centro da inocencia.