Pioneiro memorial de agravios

Ramón Nicolás

FUGAS

Carlos Callón co seu novo libro
Carlos Callón co seu novo libro XOAN A. SOLER

10 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro negro da lingua galega, título que alude á estirpe dos libros de denuncia, sitúase de novo no foco mediático tras resultar galardoado, hai só uns días, na modalidade de investigación no seo da 46.ª edición dos Premios da Crítica de Galicia que se desenvolveron nun acto na cidade de Vigo que tamén homenaxeou con xustiza ao seu fundador Bieito Ledo.

Do traballo do profesor Carlos Callón, así pois, pódense sinalar moitos aspectos no seu haber. Non teño dúbida que un deles, alén testemuñar o esforzo máis que salientable desenvolto tanto no ámbito das pescudas para obter unha información sólida e solvente como na dimensión da interpretación dos datos atopados, é o que atinxe ao alcance pioneiro que encerra, pois, ata o de agora, non existía ningunha publicación, e menos desta magnitude, que abordase de maneira sistemática e baseándose en documentos, orais e escritos, os agravios que a lingua galega soportou nos últimos cincocentos anos.

Un traballo no que, de lelo na ordenación cronolóxica de casos que se van sucedendo ao longo do tempo, o que realmente sorprende é como o noso idioma foi quen de transmitirse e resistir, como soubo ou puido superar atrancos e dificultades ata a actualidade. Callón desvela neste libro unha enorme cantidade de claves que o converten, de seu, nunha documentada viaxe na que resulta practicamente imposible coñecer a totalidade da sucesión de ataques indiscriminados e constantes, algúns deles raiando no delirio, outros abeirados a inflixir castigos físicos ás persoas que os usan e mesmo aqueloutros que xorden, como se sospeitaba, en períodos históricos dominados por réximes ditatoriais, pero, talvez sorprendentemente, tamén habitan en normas, persecucións e prohibicións ditadas en tempos máis próximos. Nuns e noutros casos permitiríame salientar a virulencia, e en moitos casos galegofobia, que se aplicou e aplica desde instancias con responsabilidades educativas.

Preciso ensaio que, por extensión, é operativo para botar luz sobre tantos estereotipos que aínda se proxectan sobre o idioma galego, destrúe tópicos desde a raíz grazas ao coñecemento e posibilita coñecer o noso pasado para explicar o noso presente.