Camiñei sen rumbo por Agüimes, nas Palmas, baixo un sol de agosto en outubro. Un sol sobre os vestixios da primitiva localidade guanche, que imaxinei entre as explosións da luz: brancos prometedores, azuis inacabables, dourados traídos do primeiro rompente do mundo. Púxenme a salvo das forzas abrasivas nunha terraza da praza do Rosario, preto do mediodía, e deixei pasar o tempo cun par de cervexas. Escoitei Surrender, de Tom Petty & the Heartbreakers, cuxos acordes finais obrigan a quitarse peso. Tomei notas nun caderno coma quen asina un xuramento. Estaba por chegar outro tipo de calor: a onda decisiva da xornada. A calor da xente que se achegaría pola tarde á Casa Museo Orlando Hernández, onde compartimos amores pola novela negrocriminal. Fixen que comparecesen James M. Cain e Raymond Chandler. Tamén Barbara Stanwyck. Malia tratarse dun obradoiro, teimei en que non se aprende a escribir; acaso a mirar. Falamos de policías, xuíces, delincuentes. Falamos do mal. E foi imposible non citar a Jean-Patrick Manchette, agora que se estende a guerra entre Israel e Hamás, apuntando a poética máis salvaxe do xénero: «A dominación do mal é social e política á vez. O poder social e político é exacerbado polos canallas». Anda o mal desmandado este outono. Un mal que nunca quereriamos ver, un mal que revela ata onde estamos arrodeados de hipocrisía e deshumanización. Combatín cos alumnos os seus efectos mentres caía a noite sobre Agüimes, xa coa sesión rematada, e seguimos falando da vida e da ficción, daquela nun bar de nome glorioso: El Populacho. Que patria orgullosa de resistir, o populacho. E que patria tan desautorizada polos que escriben a historia. Hai un poema do palestino Marwan Makhou: «Para escribir unha poesía / que non sexa política / debo escoitar os paxaros / Pero para escoitar os paxaros / cómpre que cese o bombardeo». Descansaba no hotel, xa de madrugada, repasando a intervención do día seguinte, mentres no informativo do Canal 24 Horas de TVE emitían novas imaxes de Gaza. Non cesaban os bombardeos. Non me abrasara o sol infinito do mediodía, pero abrasoume a devastación da guerra en plena noite. Abrasoume o gris sen paxaros, o gris da destrución. Alí estaba de novo a dominación do mal, a política malvada. O mal abrasador caendo sobre o populacho, sobre os ninguén atrapados dende hai décadas nunha franxa de terra. O mal insoportable.