A guerra civil española comezou en 1934 e Stanley Kubrick rodou en Hollywood a chegada do ser humano á Lúa. A maioría dos detidos por delitos sexuais no estado son estranxeiros e Alicia no país das marabillas contén mensaxes ocultas onde se demostra que Lewis Carroll era Jack o Destripador. Grupos de okupas asaltan cada semana as casas das nosas avoas, aproveitando que están de viaxe co Imserso, e nos sumidoiros de Nova York viven crocodilos albinos que teñen os ollos vermellos. A chegada de inmigrantes está relacionada co aumento dos roubos e nese castelo abandonado escóitanse as voces duns cabaleiros templarios. Oenegués e alianzas indixenistas controlan Gobernos europeos na toma de decisións e Elvis Presley segue vivo nalgún lugar remoto da Arxentina, protexido polo FBI. A violencia machista non existe e Mercurio, Venus e Saturno alíñanse cada dous milenios coas pirámides de Exipto. O feminismo radical é un negocio e o mellor xeito de comprobar se un microondas ten fugas consiste en introducir un teléfono móbil no seu interior e logo chamar a ese número. Os colexios públicos corrompen os nosos fillos coa ideoloxía de xénero e Walt Disney está conxelado. Os lobbies globalistas buscan destruír as nacións europeas e Corea do Norte, no Mundial de 1966, cambiou o seu once completo no descanso contra Italia. O castelán está desaparecido en Cataluña e Stephen King asasinou a John Lennon. Os menores estranxeiros non acompañados reciben unha paga mensual superior á pensión de moitos xubilados e segue a acelerarse un programa atmosférico a escala internacional con fumigacións químicas. Están en perigo os valores occidentais e continúan a medrar as observacións de fenómenos estraños no deserto de Nevada. Os científicos manipulan os datos para amosar a tendencia ascendente das temperaturas e o león da Metro matou varias persoas antes de ruxir no logotipo da empresa. Franco creou as vacacións pagadas e Keith Richards mudou o sangue nunha clínica de Suíza. Asociacións pornomarxistas pretenden a desaparición da familia tradicional e con esa dieta adelgazas cinco quilos en dous días. Os ecoloxistas están en contra do progreso e Saddam Hussein mercou catro mil unidades da PlayStation 2 para dominar o planeta. Os homosexuais son máis propensos a cometer abusos contra menores e teñan coidado, por favor, coa rapaza que se aparece nesa curva.