Na escola de mulleres

Mercedes Corbillón FUGAS

FUGAS

Inma López Silva, este mércores, na libraría Librouro, en Vigo.
Inma López Silva, este mércores, na libraría Librouro, en Vigo. Xoán Carlos Gil

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na última novela de Inma López Silva, a protagonista é unha profesora —sen praza— de universidade que, desencantada, decepcionada e farta dun mundo académico que se describe como rancio, elitista, algo corrupto, antigo, endogámico e machista, soña con montar unha librería en Compostela. Como somos amigas e hai xente por aí que o sabe, nun xornal preguntáronlle se fun eu a que a asesorei co tema. Tería estado fenomenal se non fose porque, para levar a cabo o seu proxecto, a protagonista de Escola de mulleres decide financiarse dedicándose á prostitución durante un tempo.

Que lea me montaron na casa, «vale que andes a dicir parvadas sobre homes casados por aí, pero isto é demasiado». Tiven que explicarlles que eu diso non sei nada, pero a cousa púxose tensa cando engadín que eu son máis de regalar pracer, e de compartilo. Meu pai sacudiu a cara e as fazulas quedáronlle colgando como os dun canciño pachón. Para tranquilizalo díxenlle que eu nin sequera sabía que Molière escribira unha comedia titulada así, algo rigorosamente certo, a miña ignorancia, digo, e que Inma é unha muller cultísima que constrúe un discurso intelectual a partir de calquera feito de ficción, dos que se vale para elaborar un relato da realidade coa que está en perpetua rebeldía.

Gloria é unha muller afectada polo dó e a medida que vai conseguindo obxectivos vai perdendo o equilibrio. De como chegamos á loucura sabemos pouco, pero hai espirais de desánimo e desafección que entendemos ben. Eu non estou de acordo coa súa mirada, supoño que nunca comprendemos aos tolos, nin cando somos nós. Gústanme máis as conversas do coro, que non poden faltar nunha boa representación teatral. Nel falan Simone, María e Zelda, ou sexa, Beauvoir, Casares e Fitzgerald. Quizais esta última que acabou os seus días nun manicomio e abrasada polas labaradas, puidera entendela mellor.

É difícil distinguir cal é a voz da autora e da narradora. Comparten o discurso Gloria e Inma? As emocións seguro que non, pero das ideas sempre nos queda a dúbida, e ese xogo incómodo é un dos acertos do libro, ademais desa pluma de filóloga hábil, brillante e lixeira que nos deixa un montón de preguntas no aire.