«Azucre»: sombras de Sísifo

Ramón Nicolás

FUGAS

Bibiana Candia na Coruña, en novembro do 2021.
Bibiana Candia na Coruña, en novembro do 2021. ANGEL MANSO

Kalandraka edita en galego o celebrado título de Bibiana Candia, con ilustracións da maxistral man de Xosé Cobas

09 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Lesta Meis (1887-1930) foi unha voz singular dentro da narrativa galega de comezos do século XX, hoxe bastante esquecido. Vinculado política e culturalmente coas Irmandades da Fala, publicou tres libros, todos editados no prelo de Ánxel Casal, de inequívoco interese. En dous deles -Manecho o da rúa (1926) e Estebo (1927)- é doado recoñecer, alén dunha evidente tonalidade reivindicativa, certa filiación autobiográfica, pois ambos os protagonistas destas propostas acaban traballando en diversos enxeños cubanos das plantacións de azucre onde son escravizados sen que nada pase.

Azucre, de Bibiana Candia, editado agora en galego por Kalandraka nunha tradución a cargo de Xurxo Chapela e cun corpus de ilustracións extraordinario que revela unha lectura artística verdadeiramente maxistral da man de Xosé Cobas, recrea parte deses motivos ao afondar, desde unha perspectiva contemporánea e nun rexistro de fonda e admirable ancoraxe lírica, nas vicisitudes que experimentan un grupo de rapaces que deciden cruzar o océano para traballar en Cuba e, así, labrar un futuro distinto, talvez o único posible, para as súas vidas.

Alén do devandito asunto, que pon o foco como era de esperar nas durísimas condicións da viaxe oceánica e, xaora, nas vivencias extremas que o grupo de mozos experimentan no enxeño de Cuba, todas elas transmitidas con expresividade e transparencia, é esta unha novela, ademais, que nos fala do abandono e das esperanzas, do exercicio desmedido e desapiadado do poder, dos dogmas ortodoxos emanados da igrexa e das supersticións, de castigos humanos e dos delirios que estes provocan, da dor e da morte, da fame e do frío, da miseria e da riqueza vista deste a distancia, de vencedores e vencidos, da importancia que teñen as palabras e tamén da rebelión e da resiliencia, mesmo desa cidade de porcelana que era A Habana.

Tralorrío, Orestes, o Comido, o Tísico e moitos máis son, máis que personaxes, sombras de Sísifo que alentan nos abismos. Sombras escoitadas por un silandeiro Cristo de pedra e dos que tan só as bestas teñen misericordia. Sen dúbida entendo como unha fortuna poder ler este libro na nosa lingua.