Entre as numerosas virtudes que atesoura Lixeiro (Xerais) destaca a capacidade do seu autor para tirar un retrato da vulnerabilidade contemporánea, esa sensación de tránsito sobre unha corda frouxa á que todos nos estamos enfrontando dende que se nos cruzou polo camiño un virus, unha guerra e unha crise climática. En conivencia coas incertezas propias da xuventude, tal expresión de asombro ante o devir das cousas queda patente no fermoso poema As montañas, por exemplo, instantánea que Ismael Ramos coroa cun «nada sabemos salvo da fraxilidade» que ben podería ascender ao reino das pintadas na porta dun after ou dunha oficina de emprego.
En efecto, poucas certezas se nos presentan na vida agás que o tempo corre aínda máis rápido que Eliud Kipchoge e que todo o que amamos, por moito que a ilusión faga o seu traballo, pode ser varrido dun día para outro por unha tempestade. Ismael Ramos xa ten o Premio Nacional de Poesía Joven na casa. Tamén, unha voz limpa e de extraordinario tempero, onde unha xeración nova —e non só— recoñece as areas movedizas que pisa cada mañá. O firme esvaradío da época.
Pero hai en Lixeiro, canda esa expresión xeracional de incerteza á que non é doado opoñer solucións rápidas, un xogo reconciliador co presente que alimenta a posibilidade de calquera horizonte. Un canto á observación humilde da natureza, unha defensa da atención plena, unha esixencia de soidade iluminadora, un abrazo co futuro a través dunha proposta de resistencia que consegue casar con brillantez o íntimo co comunitario, que boa falta nos fai agora que nos sentimos máis sós que nunca. Noutro exemplo que resulta conmovedor, o poema Tres vacas, Ramos descobre a «paciencia triste» deses animais baixo a chuvia que confían, a pesar de todo, en seren recadados. Nunha man que os poña a cuberto. «Paciencia triste», si. Non hai mellor definición do estado de ánimo desa xeración que camiña hoxe cara aos 30 anos, esmagada pola cronificación da precariedade laboral e o aumento sen freo das doenzas mentais. Lixeiro vai máis alá desa vontade, pero é imposible non lelo sen presentir en cada páxina o seu valor de dispositivo a prol dunha vida que se rearma con forza en dirección ao futuro. Unha vida en común que aspira a ser menos triste e menos paciente con quen insiste en seguir secuestrándolles a primavera. Exercer o segundo axuda a conseguir o primeiro.
Lixeiro
ISMAEL RAMOS
XERAIS
PÁXINAS 60 PREZO 11,87