Melania Cruz, continente total

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Melania Cruz en «Continente María».
Melania Cruz en «Continente María». Marcos Míguez

03 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Portentosa Melania Cruz. Impresiona vela en Continente María, onde exerce desa María Casares que abandona España camiño do exilio para se converter nunha das grandes figuras da interpretación en Francia. A peza —texto de Marianella Morena, dirección de Tito Asorey— está chea de momentos emocionantes, cunha protagonista capaz de transitar por multitude de rexistros con facilidade asombrosa, entregada ao espectador dun xeito cada vez máis sorprendente, en reviravolta continua cara ás profundidades humanas. Sobre o escenario camiñan a adolescente atravesada pola Guerra Civil, a actriz que adopta outra lingua e se engrandece con Bresson ou Cocteau, e a muller da coruñesa rúa Panaderas que vive e ama, lonxe da terra orixinaria, sobrepoñéndose á condición de desterrada. Pero quedo cun instante —íntimo, pequeno— onde unha Casares reflexiva alude á tiranía das fronteiras invisibles. Non ás divisorias que debuxan os mapas, senón aos muros que nos separan doutras paisaxes interiores onde palpita o máis profundo da nosa personalidade.

Publicada orixinalmente en 1999 por A Nosa Terra, a editorial Aira recupera agora a primeira biografía que se escribiu sobre a actriz, María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida, un traballo da xornalista Arancha Estévez que daquela nos serviu a moitos para acceder unha figura —humana e artística— da que, sendo novos, non tiñamos moitas referencias. Logo da carga explosiva de Continente María no Salón Teatro de Santiago, botei o resto do día metido entre as súas páxinas. Outra vez coa muller sobrevivente, compañeira de apátridas e desautorizados, que non renunciaría á súa orgullosa condición de refuxiada ata a morte de Franco. Para rematar a xornada, atopeina de novo en As damas do bosque de Boloña, o intenso drama de Robert Bresson sobre un relato de Denis Diderot. Todo está —e de que xeito— na ollada dun personaxe que trama vinganza. Na miña, pola noite, perduraba aínda un rescaldo da estupenda tarde teatral: ese intre en que, apoderándose de Melania Cruz, Casares se pregunta polos obxectos que debemos gardar na maleta antes de marchar ao exilio. Que é o que nos representa cando intuímos que non haberá viaxe de volta? Non o sabemos. Así a todo, seguimos en derrota pero nunca en doma, como escribiu Claudio Rodríguez. Por iso hai vibrantes continentes aos que hoxe dedicarlles un longo aplauso.