Para Melania Cruz, o gran reto é que aqueles que acudan a ver este espectáculo queden con ganas de ler máis sobre María Casares e afondar na súa figura: «Con que a xente queira seguir descubrindo máis sobre ela xa estaría ben porque, por desgraza, é unha gran descoñecida xa que forma parte dese borrado cultural e de mulleres que foi consecuencia da Guerra Civil e de corenta anos de ditadura, que pasan moita factura». Precisamente, Tito Asorey engadiu que, á hora de concibir a proposta escénica, tiveron moi en conta que servise para difundir a figura de María Casares. A idea, segundo destacou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, é que esta montaxe se vexa moito en Galicia. «Ela non volveu desde que se exiliou, e isto é un xeito de ter a María Casares aquí», afirmou.
As outras propostas
Este espectáculo teatral forma parte do conxunto de propostas impulsadas pola Xunta de Galicia, en colaboración con diversas institucións e entidades, que se desenvolven tanto en Galicia como en Madrid e en París. Hai iniciativas expositivas, editoriais, audiovisuais... En Santiago pódese ver na avenida Xoán XXIII ata finais de mes a mostra itinerante 100 % María Casares. O teatro é o refuxio. Foi concibida como unha instalación exterior e despois desprazarase a diferentes espazos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, onde rematará en novembro. A mostra, articulada arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela, afonda nas diferentes facetas da actriz e en aspectos curiosos e menos coñecidos. Tamén en Santiago, neste caso na Cidade da Cultura, pódese ver a exposición María Casares-Pedro Soler. Collioure 1989, que inclúe obxectos e pezas inéditas pertencentes ao recital que a actriz fixo na cidade francesa de Collioure en 1989 acompañada polo guitarrista Pedro Soler. A mostra inclúe documentos orixinais, así como fotografías e manuscritos da propia actriz. Neste caso, permanecerá exposta no Museo Gaiás ata finais de agosto.