Rematado o funeral, a comitiva colleu camiño do cemiterio. Pasou polas rúas de Córgomo, por debaixo de balcóns e pasadizos e, xa fóra da vila, foi por un estreito camiño rodeado de vexetación e, sobre todo, dos viñedos do godello que tanto loaba nos seus poemas: «Dos viños brancos espello / fogo líquido, aloumiño / e groria do paladar, / o deleitoso GODELLO / é milagre feito viño: /¡o bebelo é comungar!».
Despois de deixar a urna no panteón familiar, Celia Teijeiro falaba de como fora o pasamento a causa dun infarto, e evocaba como anos antes, en 1981, estiveran paseando por Córgomo e os arredores con motivo dunha homenaxe do Instituto de Estudos Valdeorreses e a Real Academia Galega.