—Onde se sente máis a xeito, na comedia ou no drama?
—Un actor ten unha serie de rexistros e debe ser capaz de dar o nivel tanto no drama como na comedia. Pode ser que unha das dúas disciplinas se lle dea mellor ca outra. No meu caso creo que son medio limitado nas dúas [ri] pero na miña opinión paso do aprobado suficiente ao aprobado notable.
—Hai corenta anos que empezou no cine. Como valora o conseguido?
—Pois no teatro, que comecei en 1971, xa nin facemos contas. Véxoo como un camiño divertido, aceptable. Con éxitos e menos éxitos. Pero incluso eses momentos de non éxito, ou de sonoro fracaso, lémbranse con ledicia e son motivo de chanza cando estás nunha comida e recordas determinadas anécdotas —lembras aquel día espantoso que tivemos en Burgos? Poño por caso— e ris porque, no fondo, non son máis que caralladas. Porque como se di, aínda que sexa un tópico, é certo que de todo se aprende.