Devalo: o synth-pop en galego que persegue o ruído

FUGAS

cedida

«Luz/Sombra» é o segundo traballo do proxecto do coruñés afincado en Gales David Miranda

24 abr 2022 . Actualizado a las 19:12 h.

Un disco como Luz/Sombra deixa, no sonoro, as cousas claras desde o primeiro momento. Saúda a cortina dunha guitarra claramente shoegazer. Únenselle uns teclados atmosféricos que remiten aos tempos gloriosos do synth-pop. E todo iso deriva, aos poucos segundos, nun ritmo sintético mais un debuxo melódico que ben podía lembrar á sensibilidade indie dos grupos de Sarah Records. Quen senta simpatía por ese triángulo —de Slowdive a OMD, pasando por Field Mice para meter dentro a The Radio Dept como síntese— ten aí unha porta pola que entrar.

É o segundo traballo de Devalo, tras o notable Noites contadas (2020), no que o coruñés David Miranda aborda os corenta cunha sensación semellante á que supostamente quedaba atrás. A nostalxia. A perda. A crise de identidade. Todas están aí. Pero, a diferenza do que ocorría na súa exbanda, Nouvelle Cuisine, non existe agora ningún tipo de ironía posadolescente que conteña o golpe. Cando pregunta cousas como «quen e esa persoa que me mira detrás do espello?» a sinceridade curta o son dun modo case impúdico.

Asegura Miranda, na nota promocional, que cando empezou a escribir as cancións tiña en mente «compoñer algo luminoso». Con todo, «a sombra comezou a aparecer con moita forza durante o proceso» levando ao disco a unha escuridade. Nela hai ecos de The Velvet Underground, Galaxie 500, Jesus and Mary Chain, Surfin' Bichos e Gary Numan, xunto a versos que falan de subir fotos de paisaxes ás redes sociais, mentres o rostro da desesperación proxéctase na pantalla do computador. Tamén da fartura e a sensación de estar rodeado de mentiras, como nese Control, onde semella unha sorte de León Benavente de peto. «Todo consumismo e desesperación / a morte do planeta e aniquilación», canta mesturando o persoal e o político, mentres progresivamente abre a porta á garra do rock guitarreiro para volver aos sintetizadores no tramo final.

O álbum conclúe con Luz, nunha orxía de botonciños e ritmos que pecha un disco moi recomendable. Outro acerto do selo Ferror Records.