—Si, de feito foi ao Festival de Benidorm con ela. Nesa época, ela tamén concursara para ser a representante de España en Eurovisión, no ano no que foi Salomé, que acabou gañando con Vivo cantando. Aí cantou cousas máis próximas ao yeyé, pero en xeral a época de Belter, que se estendeu aos anos setenta, abarca toda unha serie de estilos, dende boleros a rancheiras, pasando por producións máis pop. Son cancións que nos parecen moi boas, nas que loce moito o feito de que era unha cantante cunha voz bonita. Ademais, como intérprete, sempre lle daba unha emoción moi grande ao que cantaba. Este tema pode remitir a certo pop mediterráneo, tipo Rita Pavone. Ou tamén a arranxos da space age pop, de Joe Meek ou mesmo Roy Orbison. Hai moitos factores interesantes.
—Revísana en galego, sendo a orixinal en castelán. Por que?
—Nós, como cantamos en galego, vimos que a adaptación non era moi complicada de facer. E tiramos por aí, pretendendo achegar ese tema á propia figura de Ana Kiro. Despois diso, na súa traxectoria ela optou por cantar en galego. Tivo que enfrontarse a quen dubidaba das posibilidades comerciais. Logo, xa se viu que estaban equivocados nesa cuestión. Seguramente, se ela decidira revisar esa parte do seu repertorio optaría por facerlle unha tradución. Hai algúns pequenos cambios sutís, pero en xeral cremos que se mantén o espírito da letra orixinal.