Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Temos que seguir coidándonos

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Internet

23 dic 2021 . Actualizado a las 08:48 h.

Batín nun wasap recibido durante os peores días da pandemia, alá por abril do 2020, e volvéronme conmover as últimas liñas: «Agardo de todo corazón que vostede e os seus familiares se atopen na mellor situación posible», escribíame o meu descoñecido interlocutor, antes de dar por solucionado un trámite sen importancia. Xa sabemos o que veu despois: quixemos convencernos de que un virus sacaría o mellor de nós mesmos e acabamos descubrindo novas formas de egoísmo. Pero sinto alivio pensando que aínda resisten entre nós eses amables estraños, en carne e óso ou a través da pantalla, que insisten na boa educación. Se hai que iniciar algún proceso revolucionario no 2022, que sexa con quen nos dedica un sorriso sen coñecernos.

Porque certo tipo de cordialidade, alén das lóxicas diferenzas, cotiza gravemente á baixa. Demóstrase na sorpresa que lle causa a algúns a amizade entre persoas que seguen credos opostos, como se houbese algunha lei que lle impide a un escritor conservador e católico, por exemplo, facer boa xeira cunha pensadora e activista trans. En parte pola axitación do populismo, en parte pola ansiedade que nos devora a todos, xa consideramos normal a sobreexcitación parlamentaria, a discusión brutalista de trincheira e o insulto preventivo. Non que alguén se interese con amabilidade pola túa vida persoal antes de discutir contigo do dereito ao aborto ou da pertinencia de expropiar bancos.

«Temos que seguir coidándonos», díxome onte no cine o meu compañeiro de fila, felizmente cordial e anónimo, antes de despedirse cun sonoro «boa tarde» mentres seguían entrando os créditos finais do filme. Abandonei a sala pouco despois pensando na xigante Blanche DuBois de Un tranvía chamado desexo: «Sempre dependín da amabilidade dos estraños». Son eles, efectivamente, os que coa súa educación conseguen ás veces sacarlle luz a un día escuro. Intúo a través dun prexuízo que o meu descoñecido é dos que hoxe deciden volver a Que fermoso é vivir; a min, en cambio, gústame meterlle o dente a El día de la bestia. De compartirmos mesa, estou seguro de que poderiamos discutir cal das dúas encaixa mellor á hora do turrón. E creo que sen que chegase o sangue o río máis alá do fino acoitelamento que se espera dunha cea en familia.