A pel coa que esperta un dragón

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Ledicia Costas, a la derecha, ganó el pemio Xerais 2021
Ledicia Costas, a la derecha, ganó el pemio Xerais 2021

17 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se me ocorre mellor xeito de comezar un sábado que facelo levando un dos premios Xerais, como lles sucedeu este ano a Berta Dávila e Ledicia Costas. Conecteime ao streaming sen saír da cama, emulando a Onetti, e recoñezo que me puxen un chisco nervioso ata que se soubo a identidade das premiadas, con esa axitación esponxosa que a moitos se lles mete no corpo pensando na Lotaría de Nadal. Quizais debeu de ser pola proximidade do sorteo que me vin atravesado por esa agradable sensación, e porque antes estivera escoitando en bucle as cinco cancións de Pava, a conmovedora banda de sonora de Lucía Aldao para enfrontar a vida coma un gato entre as sabas. Ou porque a celebración do Xerais, simplemente, xa me provoca a impresión das cousas imprescindibles.

Pouco lle vai quedando ao galardón para chegar aos corenta anos, que nas persoas é unha idade propicia para as crises existenciais, pero que no caso dos premios literarios significa arraigamento, prestixio e autoridade cultural. O Xerais hai tempo que camiña con todo iso baixo o brazo. Non sei se porque vimos de estar celebrando demasiadas penurias, pero tiven a sensación de que desta volta se festexaba cun punto de alegría irada contra os vellos elementos, con gana de botarse ao horizonte con enerxías novas. Tanto que mentres nas redes se sucedían as felicitacións ás premiadas, a min se me metía a emoción dentro do pixama.

O Xerais faise querer agora nun formato pequeno, lonxe daquelas celebracións tan lembradas en San Simón, onde pareciamos un país normal. No Telexornal Mediodía da TVG do pasado sábado, cando se concedeu o premio, esqueceron informar do veredicto pensando que había cousas máis importantes que contarnos, quen sabe se por despiste. E iso que na editorial non cometeron o erro de acompañar a cerimonia cunha exaltación gastronómica, ese tipo de expresións da cultura popular que, por desgraza, non acaban de ter un espazo na televisión pública. Confiemos en que para o ano a mellor literatura asalte o ceo dos titulares de todo o mundo. Mentres tanto, para compensar ausencias, escoito a Lucía Aldao: «Así que esta é a pel coa que esperta un dragón /a paisaxe sen calma e o lume na voz».