Remar sen barqueiros

Ramón Nicolás

FUGAS

Ana Cabaleiro tendrá como premio una estancia en Jerusalén
Ana Cabaleiro tendrá como premio una estancia en Jerusalén BASILIO BELLO

Chega a terceira novela de Ana Cabaleiro, «Deixádenos remar», finalista do Premio Xerais

07 oct 2021 . Actualizado a las 22:12 h.

Hai narradoras que se seguen con especial atención e non é difícil sospeitar que, talvez, todo se xerara nun primeiro libro que encerraba un convite expreso a que, pasado o tempo, se volva a esa voz quer para descubrir novas perspectivas e argumentos quer porque queda bo recordo daquela lectura. Iso ocórreme coa produción narrativa de Ana Cabaleiro, de quen chega Deixádenos remar, novela finalista do Premio Xerais.

Cabaleiro tece un terceiro libro con multitude de historias -nas que aparecen pinceladas sorprendentes que van máis alá do realismo que goberna a práctica totalidade da proposta- e faino grazas a un mangado de estratexias narrativas. Todas ao servizo da construción ou deseño da vida no seo dun arrabalde onde a construción dunha moderna urbanización de chalés irá modificar, de vez, un espazo que vai máis alá do palpable. É aí onde comezan a coller forma as hostilidades, mais tamén a rede de solidariedades e afectos, para trazar unha fronteira tanxible que dividirá un territorio no cal as vidas das xentes que o poboan se transformarán nun ou noutro sentido. Cabaleiro explora o universo da muller, a precariedade no mundo laboral, a permanencia do clasismo ou esa dicotomía entre os territorios urbanos ou periurbanos e os que compoñen o ámbito rural. Lémbrame esta novela o coñecido verso de Xohana Torres «eu tamén navegar». Para navegar, Cabaleiro, abraza a función conativa da linguaxe desde o seu título: unha exhortación diáfana, irrenunciable e necesaria para remar sen barqueiros.