Humor, cultura, actualidade e feminismo. Estes formatos teñen moito que contar e triunfan nas ondas co galego como estandarte. Quen dixo que as tertulias quedaran no século pasado?
13 sep 2021 . Actualizado a las 00:31 h.Todos teñen algo en común: son creadores de contido en galego e para galegos. Aínda que a maioría levan pouco máis dun ano cos proxectos, conseguiron consolidarse o suficiente como para seguir adiante e incluso diversificarse. O confinamento foi un punto de inflexión para os podcasts, que se convertiron nunha forma de ocio e información con moita marxe de manobra. Algúns veno como un pasatempo, outros coma un traballo, pero detrás de cada proxecto hai moito esforzo e gañas. Hainos para todos os gustos e estes non son todos, pero si unha representación do potencial do talento galego no medio sonoro.
MBA Mal
Este xogo de palabras é o resultado dun experimento no que Alberto Álvarez e Samuel L. París son dous decanos dunha institución que chegan para explicarlle á xente «como hai que petalo na vida». En palabras de Samuel, cada programa do MBA Mal está concibido como un «webinar» en clave de «humor pretendido, non moitas veces logrado», no que os oíntes poden formarse sobre as posibilidades de negocio de todo tipo de temas, contando cada vez cun invitado que dá unha masterclass. Un formato que se mantén esta temporada, pero convivirá con outras ideas pensadas para diferentes plataformas. Aínda que o locutor bromea con que están «firmando cheques que non poden pagar», con esta nova etapa, a nivel formativo, a oferta é imbatible: «Sendo gratis e multiformato, non hai universidade online que soporte a nosa competencia», di.
Café Derby 21
Carme D. Prol, Adrián Lede e Nico Carreira coñecéronse estudando Xornalismo en Santiago e crearon Café Derby 21, unha idea que, segundo comenta Nico, xurdiu «por todas as charlas que tivemos na cociña do piso de estudantes». Recolle o nome dun recoñecido café tertulia da capital, pero traéndoo ao século XXI. Estes tres xornalistas contan cun invitado cada programa para manter unha conversa amigable: «Somos unha tertulia desenfadada, a favor da cultura, da xente de Galicia que fai cousas por Galicia e desde Galicia», di Nico. Cada un dende o seu cuarto, con recursos mínimos e moito traballo, embarcáronse neste proxecto e intentaron crear «química». E funcionou, cunha audiencia que respondeu ben e cun futuro prometedor: «Preferimos vernos máis como un foguete ascendente que como un golpe de sorte», conclúe Carreira.
As Womansplainers
«Había moi poucos podcasts nos que participasen mulleres ou dirixidos e feitos exclusivamente por mulleres», conta Sara Martínez, que xunto ás súas compañeiras, que se autonomean Saboridinha, Malvada Profe e Ghanito empezou a argallar As Womansplainers a principios deste ano. Un formato coral que vén cubrir un oco na variedade de programas sonoros, na busca por achegar unha «perspectiva feminina e feminista» a todo tipo de temas, con especial interese en darlle visibilidade a certos tabús sociais: «Consideramos que debe haber máis información e unha maior normalización sobre eles para que sexan máis aceptados socialmente e que a xente coñeza en profundidade aspectos que cun contacto superficial non poderían coñecer», explica Martínez. Ese altofalante que conseguiron nestes meses para dar voz a temas controvertidos volve este mes cargado de novidades.
Té con gotas
Miguel Rodríguez e Duarte Romero comezaron a súa andaina dende Londres. Tiveron unha primeira etapa na que abordaban a actualidade política británica, deixando espazo para profesionais galegos no Reino Unido que inspirasen aos oíntes galegos, pero agora, decidiron lanzarse a un formato máis global. Apostan por «ideas innovadoras ou interesantes que se están facendo no estranxeiro e ver como aplicalas a Galicia». Ademáis, este proxecto conta cunha ampla rede de apoio, a través de Patreon que lles permitiu chegar a un nivel «satisfactorio». Un programa que se reinventa e que o próximo outubro volve sendo «especializado, de nicho», pero para unha audiencia máis grande, afirma Romero.