O noivo fiel da Galicia dona de seu

FUGAS

Ed

O martes cumpriu 70 anos Víctor Freixanes, que segue a pé de obra na Real Academia Galega, construíndo unha cultura con memoria e futuro

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1970, ata a rúa do Preguntoiro achegouse un estudante universitario cun artigo baixo o brazo. Pediu falar co director e púxolle enriba da mesa un escrito sobre Leila Khaled, a guerrilleira palestina que secuestrara un avión para chamar a atención sobre a causa da súa xente. O mozo saíu daquel despacho con 150 pesetas e o compromiso de que podería entregar un novo cada semana. Víctor F. Freixanes atrevérase a petar na porta do director d’El Correo Gallego, o recentemente falecido Gerardo González Martín.

A súa xeración vivía os anos finais do franquismo nunha Compostela que era un fervedoiro de actividades culturais e políticas. Lían literatura europea e tamén The Paris Review, onde aparecían aquelas entrevistas tan singulares a Primo Levi, Kundera, Céline ou Nabokov, que sen dúbida inspiraron en 1976 Unha ducia de galegos, asinado por Freixanes con só vinte e catro anos. Conversou con figuras que quedaran soterradas polo fascismo, a censura ou o exilio, pero tamén con novas promesas como Beiras, Ferrín ou Casares. A obra, cun pouso moi literario, deseguida coñeceu unha segunda edición e case medio século despois segue vixente, aínda que se debera ampliar cunha ducia de galegas.

A oportunidade de seguir no xornalismo lévao a Radio Popular de Vigo, onde novamente González Martín conta con el para o equipo de redacción que vai integrar con María Xosé Porteiro, Xosé María Palmeiro ou unha novísima Begoña Caamaño, que entón realizaba as súas prácticas. Xuntos pularon pola presenza do galego nas ondas e, en sintonía coa audiencia, levaron adiante campañas como «Mil primaveras máis para a lingua galega». Axiña entenderon que a radio era un medio moi potente para dinamizar a vida cultural da cidade e organizaron conferencias, apoiaron iniciativas cidadás e mesmo impulsaron a creación dunha Escola de Pais. Daqueles anos hai algunha fotografía de Freixanes nas manifestacións obreiras cubrindo a información para a emisora, eran tempos reivindicativos despois da morte do ditador. Era tamén o momento de lembrar e en 1980 dá ao prelo O Fresco. Memorias dun fuxido, unha investigación que para historiador Lourenzo F. Prieto foi como o tiro dunha pedra nun estanque: un impacto forte do que xorden ondas que se expanden, eses estudos sistemáticos que sucederon a publicación e que foron tan necesarios para rescatar a memoria dos esquecidos.

Naquela época existía a ilusión de construír unha sociedade diferente, democrática e tamén galega, con identidade propia. Para emitir exclusivamente no noso idioma nacía a Televisión de Galicia, onde meses despois de comezar as emisións Freixanes dirixía e presentaba un programa sobre literatura: A Trabe de Ouro. Aínda que a súa entrega absoluta aos libros viría como director de Xerais e de Galaxia, as dúas grandes empresas editoriais galegas. Todas estas ocupacións restaron tempo ao escritor que priorizou a lectura dos orixinais alleos sobre os propios.

En 1982 facíase co Premio Blanco Amor con O triángulo inscrito na circunferencia. O xurado, presidido por Torrente Ballester, estaba convencido de que aquel dominio da lingua correspondía a un autor de máis percorrido. Quizais descoñecían que Víctor Freixanes gustaba dende novo de apuntar nunha libreta todo o galego que non lle era propio para arrequecer a súa lingua. Logo virían outras novelas moi premiadas e recoñecidas.

Á miña lembranza vén agora un congreso en Buenos Aires onde Víctor facía por asistir a todas as sesións, ao tempo que se reunía coa colectividade, soñaba novos proxectos, degustaba a gastronomía e, xa de noite, levábanos a escoitar tangos sen mostra de esgotamento, como se nel o día tivese máis de vinte e catro horas. O martes cumpriu setenta anos e segue a pé de obra na Real Academia Galega, como emérito na Facultade de Xornalismo ou cada domingo nas páxinas deste xornal. E se alguén o chama para ir a unha pequena asociación e dar unha charla, de seguro poderán contar con el e mostrarase feliz entre a xente, escoitando historias, tomando un tinto e arengando os presentes para construír unha Galicia dona de seu, porque calquera lugar é bo e setenta non son nada.