A sedutora exhibición de Robertson Davies

Ramón Nicolás

FUGAS

XXX

Oxalá poidamos ler, en galego, outros libros do magnífico autor de «O quinto en cuestión»

27 ago 2021 . Actualizado a las 11:42 h.

Tras ler O quinto en cuestión, do escritor canadense Robertson Davies (1913-1995), asaltoume unha pregunta que esixía rápida resposta: como pode interesar tanto un libro, de factura tradicional e que adopta a forma dunha longa misiva, novelada, que o protagonista -un tal Dunstan Ramsay- lle fai chegar ao director do centro de ensino no que acaba de xubilarse coa intención de que coñeza, da súa man, a súa propia vida e historia? Pois interesoume ata o punto de considerala unha das mellores novelas que tiven a sorte de coñecer nos últimos tempos. E talvez a razón estea cimentada en que, alén de encerrar unha prosa verdadeiramente magnífica -na que salienta a capacidade de saber contar e onde non ten escasa responsabilidade o tradutor desta obra para o galego, Alejandro Tobar-, exhibe unha estrutura que funciona como un mecanismo perfectamente engraxado, con certa filiación coa dinámica teatral. Engádese que, ademais, parte dun asunto tan suxestivo como é o destino, a forza inapelable do destino, que anoa tres personaxes tras unha pelexa infantil con bolas de neve: unha delas golpea accidentalmente unha muller que, por esa razón, terá un parto prematuro.

Mais non é esta unha novela de corte biográfico: a través do protagonista -ese quinto en cuestión que debe o seu nome ao personaxe que é preciso que exista como enlace para que todo cobre sentido- perfílase a boa parte da historia do século XX -cun tratamento exemplar da Primeira Guerra Mundial, por exemplo- e revela unha panoplia de asuntos onde converxen as crenzas relixiosas e a presenza dunha «santa tola», a maxia como parte do cotián ou o amor mais, sobre todo e ao meu ver, desvela os mecanismos polos cales a memoria é quen de deformar mesmo o que se viviu. Non esquezo as luzadas de ironía -inesquecibles os parlamentos co padre xesuíta Blazón por exemplo- nin as reflexións sobre a amizade, a culpa ou a responsabilidade como outros fíos argumentais deste primeiro volume dunha triloxía, a denominada de Deptford, que é unha sedutora exhibición imaxinativa. Oxalá poidamos ler, en galego, as dúas novelas restantes e outros libros deste magnífico autor: apunten, Robertson Davies.