A lectura como rebelión e acto de amor

Ramón Nicolás FUGAS

FUGAS

04 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal vez en máis ocasións das que se debería non se recoñece -se cadra por falta de perspectiva ou por outras razóns- o labor pioneiro, se se quer innovador, que algunha voz literaria vai construíndo co paso dos anos. Pensei nisto cando dei con este novo libro do escritor vigués Fran Alonso -Douche a miña palabra- que conta cun magnífico corpus de ilustracións a cargo de Bea Gregores.

Un ensaio para a xente máis nova que se anoa con naturalidade á actitude transgresora que cultiva o autor desde o seu Tráiler (1991), aquela crónica novelada da vida dos camioneiros galegos ata Territorio ocupado (1998): primeira achega xornalística e crítica ao conflito saharauí, pasando por unha narrativa que terma de asuntos con inequívoca preocupación social -a incomunicación, a soidade, as dificultades para sobrevivir en contextos adversos, as doenzas mentais ou as novas tecnoloxías- ata unha poesía precursora tanto no que atinxe á súa difusión en novas plataformas de comunicación como en temperamento e temáticas que, nalgúns casos, se transitaron anos despois sen esquecer todo o que hai de inusual e iconoclasta no ámbito da súa poesía infantil con proxectos estendidos a outros formatos e que amosan, de seu, a súa querenza por abrazar proxectos artísticos transversais.

Boa parte do sinalado está neste Douche a miña palabra, isto é, un libro dirixido en primeira instancia a un público máis novo no que, con linguaxe accesible e trazo rápido, agroman preguntas con respostas ofrecidas a través de imaxes e metáforas que nos falan dos estímulos, da poesía, da vocación e doutros asuntos para concluír que a lectura é, sempre, un acto de rebelión e amor. E para conseguilo non procura ningunha intención dogmática nin tampouco o domina ningunha pretensión adoutrinadora: antes ben o seu discurso é lóxico, inapelable, áxil e humorístico ás veces. Para min un exercicio honesto de xenerosidade pois niso consiste compartir a memoria. Contaxia o valor irrebatible da lectura, non teño dúbida, e reafirma esta convicción nas persoas que pensamos que a lectura, os libros e as palabras son imprescindibles.