Ailá amosa o seu repertorio para os torreiros

A agrupación reivindica outro tipo de velocidade nun momento en que a renovación constante se impón


O Celtic Connections, en Glasgow, supuxo, o ano pasado, o salto internacional de Ailá, un grupo formado a finais do 2019 e que tivo a Casa das Crechas como elemento aglutinador. Con ano e medio de rodaxe, que lles deu para ser premiados no Festival Interritmos 2020, acaban de sacar un disco homónimo e se cadra por iso do nome, no que tiran de retrouso reiterado na música tradicional, prometen festa e incitan a sacar punto. «Para bailar veño eu, para tocar meu irmán e para tocar o pandeiro viva quen o ten na man», di a súa Muiñeira de Frades, primeira peza audiovisual onde Xan Pampín, Manuele Pardo, Ángela Carou e Abel Gañete amosan a súa reivindicación pola volta aos torreiros.

Pampín peneirou os arquivos sonoros públicos para escoller un repertorio co que poñen en valor esta parte do patrimonio e escolleu timbres sonoros e literatura oral coñecida, aínda que mesturada con outros máis arcaicos e singulares, para axudar a tirar da memoria colectiva nos seus concertos. Na súa música predomina o vento metal e por iso, se cadra, ten máis reminiscencia ás verbenas e ás charangas. «Hai moitas tradicións, a música tradicional non só se nutre dos transmisores orais, senón tamén neste caso hai as tradicións bandísticas e todo ese background quería que estivese presente en Ailá e con Abel, que toca o fliscorno e a trompeta, é un pouquiño simbolizar esoutra tradición que é tan patrimonial como a literatura cantada, pero que hai poucos grupos que se achegasen a ela porque o instrumento referencial era a gaita». Nesta mesma aposta por liñas menos transitadas recuperan, cunha colaboración con Pedro Lamas, a gaita rosca, unha tipoloxía menos coñecida deste instrumento, que ten unha tímbrica máis balcánica. «É unha chiscadela para mirar para atrás, aproveitar a diversidade», explica Pampín.

Ailá reivindica outro tipo de velocidade nun momento en que a renovación constante se impón. «O proceso tecnolóxico non respecta o ritmo humano e a música, que ten este punto orgánico, precisa tempo e maduración, forno», cree Pampín, que estima que a industria musical caeu na velocidade que imprime o mundo dixital, moito máis individualista e narcisista, sen facer unha reflexión. «Este tipo de música que é de creación colectiva, cunha chea de valores detrás e todo un ecosistema de profesionais precisa tempo e os discos ao final son obras de arte», conclúe ao mesmo tempo que Carou se suma a reivindicación da vixencia dun traballo físico, como o seu, que queren levar a torreiros e festivais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Ailá amosa o seu repertorio para os torreiros