O «irmao» de Otero Pedrayo

FUGAS

PILAR CANICOBA

16 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días o Parlamento de Galicia entregaba a súa medalla á Xeración Nós, personificada nas fundacións: Otero Pedrayo, Castelao, Antón Losada Diéguez e Vicente Risco, que gardan o legado de quen sentaron as bases da autonomía política de Galicia, ao tempo que constituíron unha rede cultural propia ao redor da revista Nós.

Aínda que foi o último en implicarse na causa galeguista, Otero Pedrayo xogou un papel fundamental ao longo do século pasado. Lector infatigable e gran coñecedor da literatura europea, enseguida achegou artigos a Nós e traducións de fragmentos de obras tan significativas como o Ulises de Joyce.

A súa militancia no Partido Galeguista, a pertenza ao Seminario de Estudos Galegos ou o seu papel como deputado defendendo a cooficialidade do galego en resposta a Miguel de Unamuno non o axudaron tras 1936 e só un ano despois foi deposto da súa cátedra e privado de impartir docencia por máis dunha década. Foron tempos difíciles, de silencio imposto e de carestía, pois perdera o seu soldo e vivía das rendas que xeraban as terras de Trasalba. Tampouco podía publicar na lingua d’Os camiños da vida ou Arredor de si.

En 1949, Otero participa nunha homenaxe en Ourense a Lamas Carvajal, na que se considera a primeira intervención pública en galego na posguerra. Noutras ocasións non houbo tanta sorte, como o día do ingreso na RAG de Gómez Román, despois de recibir a prohibición do uso da lingua de noso. A súa voz sempre foi reclamo, ao redor del xuntábanse en Compostela os mozos galeguistas despois de gañar a cátedra de Xeografía e Historia.

A súa poderosa oratoria aínda resoa cada ano na festa de Trasalba, a casa familiar que foi o seu acubillo dende a infancia. No xardín traseiro, o pai plantou no inverno de 1888 unha árbore para festexar o nacemento do único fillo, a carón da fonte e a pouca distancia da laranxeira que o avó de Otero plantara á chegada do seu herdeiro. Sempre pensaron que era unha araucaria, pero aquel pinsapo creceu forte e vigoroso canda o seu dono. Compartiron xogos, cavilacións, penas e alegrías... Catro anos antes de falecer, un temporal rachouno e o escritor entendeu que a súa hora tamén estaba a chegar. Daquela madeira mandou facer o seu cadaleito, para ser enterrado xunto ao seu «irmao», como a el se refería. Corenta e cinco anos despois do seu falecemento outro pinsapo recorda nos Chaos de Amoeiro aquela relación fraterna, alí onde aínda resoa a súa voz e se garda, igual que na Fundación Penzol, o seu legado que herdou a Galicia.