Nélida Piñón, a ponte do Atlántico

FUGAS

Pilar Canicoba

A súa historia coa literatura é un romance fiel e frutífero que celebra 60 anos de historia

02 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Narrar é unha proba de amor, aínda que o relato sexa cruel, afirma Nélida Piñón, que leva sesenta anos entregada á literatura. A súa historia coas letras é a dun romance fiel e frutífero dende 1961. Xa dende cativa se sentía escritora e pedíalle a seu pai que o indicase cando tiñan que encher algún formulario cos seus datos. Nunca soubo se accedía á petición, pero alentaba o soño da pequena mercándolle os primeiros relatos.

 Naceu no Brasil, pero toda a familia procedía de Cotobade, polo que aprendeu costumes e crenzas do outro lado do Atlántico e soubo da morriña a través das cartas nas que seu pai buscaba o arrecendo da terra. Con dez anos emprenderon a viaxe de regreso, deixaba unha cidade de cores e calor e atopábase coa néboa do inverno galego e o negro das roupas das mulleres que a agardaban no peirao. Aquela imaxe causou unha forte impresión nela. Para chegar a Borela cómpre cruzar unha pequena ponte medieval e ao outro lado está a capela e a aldea. Naquela visión completou o seu corazón, adoita dicir Nélida, porque alí naceu o amor a Galicia. Aqueles dous anos sentiu vivir no medievo, pero descubriu a fantasía e a liberdade máis absoluta. Seu pai regaloulle unha navalla e un cinto de coiro cunha bolsa onde levaba pan de centeo, xamón, chourizo e unha mazá para acompañar á avoa ao monte. O Pé da Múa para ela era como o Annapurna e aquela vida campesiña, tan diferente á de Rio, impregnou nela. Sóubose mestiza e entendeu o avó Daniel, que só con trece anos deixou todo o coñecido e marchou ao Brasil, expulsado dun país na procura dun futuro mellor. Nélida Piñón sóubose debedora dese pasado e construíu A república dos sonhos, a gran epopea da emigración galega, publicada aquí por Galaxia.

A escritora é un exemplo de profesionalización literaria nunha época en que o simple feito de ser muller supuña ter que vencer moitos obstáculos. Por iso sempre se proclamou feminista e renegou de tutelas literarias. Nélida deulle voz ás mulleres na súa obra, como a Marta n’A casa da paixão, que esperta á sexualidade nunha sociedade que reprime a muller. Tamén nos relatos A camisa do marido hai unha crítica ao patriarcado. A súa axente literaria, Carmen Balcells, abriulle a porta a Europa e viviu en Barcelona un tempo a carón dos autores do «boom latinoamericano». Foi tamén a primeira muller en presidir a Academia Brasileira de Letras, pero ocupou a cadeira pouco tempo porque nunca lle interesaron os cargos, ela quería viaxar, ser libre.

É a grande escritora brasileira, recentemente recibiu o Gran Premio do Pen Club Brasil pola súa ultima novela, Um dia chegarei a Sagres, anteriormente o Juan Rulfo de Literatura Latinoamericana ou o Príncipe de Asturias das Letras, entre moitísimos máis recoñecementos.

«Tenho apetite de almas», así comezaba a súa primeira novela e, por fortuna, nunca saciou a curiosidade. Na súa obra destaca o peso da memoria, dos mitos, da tradición clásica, e o diálogo entre a modernidade e a tradición. Nélida Piñón é unha autora universal con parte do corazón galego. Unha muller de voz firme, como as súas ideas, alegre, apaixonada, intelixente, aventureira, podería camiñar cara a Estocolmo, pero o seu interese sempre está máis próximo. Sesenta anos dun imaxinario poderoso que, en parte, é tamén noso.