A voz máis heterodoxa de Fernández Ferreiro

Ramón Nicolás

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

19 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica Xosé Fernández Ferreiro traballou inicialmente boa parte deste libro entre os anos 1958 e 1963 e retomou este proxecto nos seus derradeiros días para perfilar, sen dúbida, un libro que confirma a extraordinaria modernidade e o pulo creador que o dominou cunha entrega coa que, talvez, complete o seu ciclo narrativo.

Ulcis, que así se titula este volume, acompáñase dun limiar de X.L. Méndez Ferrín e conta cun epílogo de Fernández Naval. Este último, responsable da edición, define con acerto o groso dos relatos incluídos no libro como acaroados a unha estética «surrealista e alucinada» onde o subconsciente está poboado por «mundos míticos e máxicos». Asemade, dá conta da peripecia creadora do texto e das razóns de incluír unha serie de textos «ulcísticos» anteriores.

Estas son páxinas nas que paira un diálogo con moitos dos elementos presentes na obra anterior do autor, espallada en multitude de novelas e na súa obra poética e xornalística, de maneira que conflúen aquí textos diversos que se poderían agrupar en dúas direccións.