Os millennials da poesía galega

FUGAS

FUGAS

Todos eles son motivo de orgullo e esperanza para a literatura galega, que segue gañando músculo nestes últimos anos. Celebremos en verso o próximo Día Mundial da Poesía

20 mar 2021 . Actualizado a las 21:59 h.

Algo ten de máxico a poesía cando é o xénero co que os pobos comezan a escribir literatura. En Galicia, a lírica medieval é un tesouro que nos sitúa na vangarda europea da época; Rosalía, o símbolo das nosas letras, e a poesía actual, unha das fortalezas culturais do país. 

Galicia exporta poesía. Recentemente, a voz de Chus Pato incluíuse na Woodberry Poetry Room, en Harvard. Yolanda Castaño leva os seus versos aos festivais internacionais e é ponte para que outros poetas se coñezan fóra de Galicia. O seu labor a prol da poesía é incesante e, grazas ao seu bo facer, gozamos de dúas citas de primeiro nivel como son o Obradoiro Internacional de Tradución Poética «Con Barqueira e Remador», e o ciclo Poetas Di(n)versos que reúne mensualmente na Coruña a mellor lírica de Galicia e de fóra.

Gonzalo Hermo
Gonzalo Hermo PACO RODRÍGUEZ

Xoias dun sistema cativo

Boa mostra da importancia que aquí ten a poesía é o feito de que nun sistema cativo coma o noso haxa editoriais cunha aposta case exclusiva polo xénero: Espiral Maior, Apiario, Chan da Pólvora, Positivas, Urutau ou Tulipa. Non menos considerables son os premios poéticos que animan o panorama literario, algúns tan destacados como o de Afundación, que na última edición gañou Oriana Méndez polo magnífico Interna. Os certames tamén crean canteira e, como teñen apuntado moitos poetas, simbolizan un primeiro espazo de socialización literaria. O Premio Francisco Añón, organizado polo Concello de Outes, ten categoría dende os seis anos e os Premios Minerva son referenciais entre os menores de vinte. Lucía Aldao, Berta Dávila ou Lucía Novas foron algunhas das premiadas que seguiron escribindo poesía con éxito despois de pasaren por estes certames. 

Un acontecemento que festexamos con felizidade foi que Pilar Pallarés e Olga Novo gañasen as dúas últimas edicións do Premio Nacional de Poesía, pois supuña un feito tan insólito como indicativo da consideración da lírica galega no estado. Por se fose pouco, Gonzalo Hermo e Alba Cid facíanse co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, claro indicio de continuidade.

Regina Touceda
Regina Touceda José Pardo

En realidade xa o sabiamos, pois dende hai uns anos escoitamos falar da efervescencia das novas voces, dos poetas nados nos noventa, dos millennials da poesía galega. Algúns nomes non tiñan obra individual publicada, pero si unha intensa actividade nas redes sociais, blogs ou revistas. Dorna é, neste sentido, o viveiro máis significativo, que este ano cumpre corenta anos. Nos últimos números as súas páxinas abríronse para abeirar as novas propostas, ás que se prestou especial atención. Outros proxectos máis alternativos, próximos ao fanzine, descubríronnos autoras coma Belén Senín e os seus revoltos anos vinte.

Numerosas traducións ao castelán 

A este rebumbio non foron alleas as editoriais, que intentaron recoller as voces No seu despregar, tal era o título da primeira das antoloxías que saíu en Apiario e que apostou por dezaoito poetas nados entre 1985 e 1997. A carón dos versos incluíase unha biografía pouco ortodoxa e en primeira persoa que nos achegaba a Afonso Traficante, Afra Torrado, Helena Salgueiro, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña ou Tamara Andrés. Na escolma tamén se atopaba Francisco Cortegoso, unha das voces máis singulares deste grupo, que asinou Memorial e danza e Suicidas, título este último que viu a luz o mesmo día en que faleceu o seu autor. Cortegoso reaparecía xa eterno un ano despois en 13. Antoloxía da poesía galega próxima, que saíu en edición bilingüe con Chan da Pólvora e Papeles mínimos. Como se pode adiviñar, o número fai referencia aos poetas que se insiren e, como é de agardar, repítense algúns nomes: Jesús Castro, Gonzalo Hermo, Celia Parra, Antón Blanco, Lara Dopazo, Alicia Fernández ou Ismael Ramos. Nos seguintes anos, outras antoloxías sumaríanse a estas primeiras: Dentes para a mazá (Chan da Pólvora) e Poesía galega novísima (Urutau). 

Ismael Ramos
Ismael Ramos MARCOS CREO

Todas estas voces seguen a tendencia rupturista da poesía galega, da que é herdeira, sen ir máis lonxe, Regina Touceda, que con só vinte e un anos daba ao prelo deriva. Máis apegado ao cuestionamento da identidade e a memoria, Ismael Ramos publicaba un dos títulos senlleiros destes anos: Lumes, que hai un ano obtivo o premio Javier Morote que conceden as librerías independentes do Estado a un autor novo. No mes de maio, chegará o terceiro libro deste autor que é unha das voces máis firmes da poesía galega.

Imposible querer abarcar a potencia desta onda: as cada vez máis numerosas traducións ao español, o paso pola Academia Española en Roma de Lara Dopazo, o interese no mundo anglosaxón pola poesía de Alba Cid... Motivos de orgullo e de esperanza dunha literatura que ten a poesía como mascarón de proa.

Alba Cid
Alba Cid CAPOTILLO