Sobre a bondade dos paseos

FUGAS

JUAN LAZARO

Miguel-Anxo Murado en «Outra idea de Galicia» camiña sobre o país, con nós da man, ao tempo  que derruba todo canto clixé se ten establecido sobre os galegos

27 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo da historia foron moitos os pensadores, literatos e científicos que usaron o paseo como un método para pensar, aclarar a cabeza e sacar conclusións. Facíao Aristóteles cos seus alumnos na vella Atenas (por iso eran chamados os peripatéticos, literalmente, os que dan voltas; iso facía con eles, dar voltas ao redor do xardín, ao carón do seu Liceo), mais tamén outros coma Rimbaud (paseos de horas para saber se tal verso tiña que ter ou non unha coma), Thoreau (escribiu un libro titulado Pasear), Kant (os veciños sabían que hora era polos paseos do de Köningsberg), Nietzsche (de paseo pola Alta Engandina e a Selva Negra aparecéuselle a idea do Eterno Retorno) ou máis preto de nós, Unamuno (quen tamén escribiu sobre a arte de pasear como método para filosofar). O libro de Miguel-Anxo Murado, Outra idea de Galicia, que publica La Voz de Galicia na súa colección de historia é xustamente iso e así o recoñece o seu autor dende o limiar: un paseo, como o que fixo Domingo Fontán por todo o país para poder facer ese completo mapa que aínda hoxe nos marabilla.

O libro é, sobre todo, unha viaxe, por dicilo como Derrida, de deconstrución. Murado camiña sobre o país, con nós da man, ao tempo que derruba todo canto clixé e tópico se ten establecido sobre nós (sempre contados dende ollos non galegos; explica como a historiografía española practicamente se dedicou a afirmar que a Historia de Galicia é a historia dunha terra sen Historia. Velaquí unha frase que xustifica un libro: «O problema non é que Galicia non teña historia. O problema é que España ten demasiada»).

Coma se unha tsunami nos perseguise, no noso paseo con Murado vemos caer a idea dunha sociedade historicamente pechada en si propia. Diso nada. Galicia estivo sempre aberta ao Atlántico e non tanto á Meseta. E non somos un pobo conservador. Nunca o fomos. Máis ben todo o contrario.

Hai ideas reveladoras no libro de Murado, cousas que sabemos pero nas que nunca reparamos ata que o vemos escrito e argumentado. Como que, por exemplo, Galicia é sobre todo unha xeografía moi particular que o condiciona todo histórica e politicamente. E que o do carácter «celta» dos galegos, ou a súa inevitable tendencia ao «saudosismo», en realidade, teñen moi pouco de verdade ou, cando menos, son un chisco discutibles. Ou cando aborda o fenómeno da emigración galega e lle pon o nome que hai que lle poñer: tráfico de persoas. Unha escravitude disimulada que, contra da idea admitida (clixé, tópico) non axudou en absoluto ao desenvolvemento do país. Máis ben, todo o contrario. E explícanos de onde vén o que el chama «déficit de autoestima». Porque o noso non é un país atrasado por unha maldición divina. Na liña doutros pensadores coma Xaquín Fernández Leiceaga, deixa claro que o do atraso é tamén un mito.Tiñamos industria, e non pequena, dende o XVIII. Logo, entre moitos conseguiron que iso morrese.

O libro foi un inésperado éxito -así o di el- en Galicia. Mais non me estraña. En poucas ocasións lin un texto onde tan ben se nos explique quen fomos, quen somos, quen podemos ser se entendemos tres ou catro cousas.

Outra idea de Galicia é un deses libros que non é esaxerado dicir que debería ser de lectura obrigada para todas as galegas e galegos. Ese déficit de autoestima marcharía. É o bo que teñen os paseos.