Carvalho Calero, discípulo e continuador de Nós

FUGAS

LA VOZ DE GALICIA

En máis de 30 traballos en La Voz de Galicia, o autor de «Scórpio» puxo en diálogo coa literatura universal e contribuíu a canonizar á xeración que promoveu a emblemática revista

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O17 de abril de 1988, ao ser distinguido co Premio Nacional da Crítica por Scórpio, Ricardo Carvalho Calero esclareceu en La Voz de Galicia, sobre o seu reintegracionismo, que utilizaba nesa narración unha ortografía histórica do galego de acordo co pensamento lingüístico dos grandes mestres da Xeración Nós, de quen se consideraba discípulo «especialmente de Castelao». Carvalho contribuíu decisivamente, como docente e investigador, para canonizar o grupo que promoveu a emblemática revista Nós. Iso favoreceu que se incluísen entre as persoas lembradas e recoñecidas pola sociedade galega, polas súas producións e traxectorias, e estudadas no ensino; e así está a acontecer. Para esa canonicidade foi importante o capítulo que lles dedicou na Historia da Literatura Galega Contemporánea, e outros traballos, entre eles máis de 30 artigos publicados en La Voz de Galicia: 12 sobre Castelao, 11 sobre Otero, 5 sobre Risco; e ao tratar doutros temas e autores. Entre estes últimos, o 19 de agosto de 1973 Carvalho suxería no xornal a posibilidade de «concebir unha historia da literatura galega moderna a base de tercetos de figuras fundamentais». O método valería para Nós, unha «xeración de prosistas», coa «trindade Risco, Castelao e Otero», acrecenta. No primeiro artigo específico sobre eles, Grandeza de Castelao, o 1 de marzo de 1970, resaltaba deste produtor a «xenerosidade con que enxerga a vida, á que ama [...] o sentido máis profundo da súa obra maniféstase como fe no home, i en nome do home fostrega o inhumán. Nada humán ten por alleo». Como avanzado da Literatura Comparada, puxo en diálogo o grupo Nós coas literaturas española e universal. Nesa liña está As dúas bandas da ría, o 31 de outubro de 1986, cando se conmemoraba o centenario do nacemento de Castelao e o cincuentenario da morte de Valle. Carvalho conclúe que «Valle-Inclán e Castelao personifican respectivamente as dúas maneiras de conceber o galeguismo literário. Aquel, como galeguismo integrado na unidade superior da literatura española ­­-regionalismo. Este, como galeguismo integral e autárquico -nacionalismo». E acrecenta: «Neste sentido, Castelao opón-se a Valle-Inclán como a perspectiva do señor se opón á perspectiva do vasalo. Valle escreve para os españois, e Castelao para os galegos». O 9 de xuño de 1974, en Risco leitor póstumo, defendeu que a premiada novela La saga/fuga de J.B., de Torrente Ballester, tiña «notorias afinidades» con O Porco de Pé e Os europeos en Abrantes. Di que «Risco non só houbera sido o lector ideal da Saga, senón que se houbera atopado a si mesmo nela». Aínda que «seguramente xulgaría desacertado» e discreparía dalgún xuízo de Torrente. Pouco antes, o 20 de outubro de 1973 en Un século de vida galega (1836-1936), viu en Otero Pedrayo «O máis típico novelista social da actual literatura galega», principalmente pola triloxía Os Camiños da vida, Arredor de si e Devalar. Ao valorar Otero como escritor católico, o 31 de decembro de 1988, resalta as diverxencias con Graham Green, Julien Green, Bernanos, Mauriac ou Malégue «católicos militantes registados por Charles Moeller». Comparou os tres autores de Nós, polo seu teatro, con Wilde e Maeterlinck. E a Castelao con Yeats. A Otero con Chateaubriand, Jules Romains e John dos Passos. A Risco con Brecht, Rabelais, Swift, Joyce, Dickens, Flaubert, Ganivet, D'Ors e Lewis Carroll. Tamén os comparou entre eles: o 27 de setembro de 1984, en Risco na literatura galega, relaciona Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros (Risco) con Un ollo de vidro (Castelao) e O Purgatorio de Don Ramiro (Otero); ou dous meses despois, en Cousas de Risco, a personaxe da Picariña de Risco coa Marquesiña de Castelao. Apoiou o estudo das súas obras por especialistas, e reedicións dos seus textos en galego sen desvirtuacións por unha inadecuada adaptación normativa. E informou de inéditos, e de decisións controvertidas. Como crítico e historiador da literatura, Carvalho tivo éxito e singular acerto ao situar a Rosalía de Castro no centro do canon das Letras Galegas, unha muller entre un predominio masculino (Shakespeare, Goethe, Dante, Cervantes, Camões...) noutras literaturas; e ao promover a Castelao para o centro do canon da Literatura Galega do século XX. Salientou os seus simbolismos o 15 de xaneiro de 1986 en De Rosalía a Castelao. Para a construción desas canonicidades foron importantes os seus traballos en La Voz de Galicia. Hai unha lectura do canon da literatura galega desde os artigos de Carvalho Calero neste xornal; e especialmente valiosa para coñecer o Grupo Nós.

Da coherencia de Castelao aos dous Riscos e tres Oteros

Carvalho destaca en La Voz de Galicia unha maior coherencia na traxectoria de Castelao. Salienta dous Riscos: o da «etapa galeguista» de 1920-1936 e despois de1936 «literariamente posgaleguista». E tres Oteros: o 26 de agosto de 1988 sinala nel «unha primeira etapa pre-galeguista, unha segunda galeguista e unha terceira que poderíamos chamar epi-galeguista». Iso supuxo diferenzas no traballo co idioma: antes da Guerra de 1936 os tres defendían a unidade do galego e o portugués, di. Despois, Castelao continuou na mesma liña, coa súa literatura sempre en galego, e nunha coñecida carta a Sánchez Albornoz, que Carvalho citou máis dunha vez neste xornal, mesmo asumiu que o galego se debía confundir co portugués. Porén, Risco e Otero optaron máis polo castelán; e Otero, como resaltaba Carvalho o 6 de xaneiro de 1989, propuxo o galego como «lingua de seu».