Outra brillante Luz

Ramón Nicolás

FUGAS

Siro

23 abr 2020 . Actualizado a las 17:13 h.

Ás grandes voces da literatura, as consideradas clásicas, e Luz Pozo Garza xa o era desde había moito tempo, outros xéneros creativos acariñados con intensidade, adoitan quedar ocultos talvez pola brillantez e indiscutible forza que atesoura a súa obra máis coñecida, que, neste caso, foi a poesía.

Malia todo, a autora cultivou unha obra ensaística que adquire corpo nun conxunto de propostas que navegan polas augas da claridade terminolóxica e conceptual, que se abeiran á concisión e á elegancia estilística, alén de achegar perspectivas novidosas e sólidas sobre aqueles focos de interese que, por certo, tamén transitan na súa obra poética.

Velaí como, nos anos noventa, Luz Pozo publicou seis ensaios que depositaron a súa perspicaz ollada escrutadora en Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro e Luís Seoane, sen esquecer achegamentos tanto ao erotismo e á conciencia mítica nas cantigas de amigo como aos tres poetas medievais da ría de Vigo. Non podo esquecer esa peza tan suxestiva e diamantina que é Diálogos con Rosalía (1996): o discurso que leu no acto do seu ingreso na RAG como académica numeraria. Reivindico estoutra Luz Pozo desde a convicción de que os amentados son estudos imprescindibles, inspirados nese «prodesse et delectare» que, no fondo e afortunamente, os vertebran.

Sempre Luz!