O furor de vivir

FUGAS

Henri Barbusse (1873-1935), xornalista e militante comunista francés (entre a súa produción figura unha biografía de Stalin), alcanzou unha importante sona literaria coa novela O fogo (1916), testemuño antibelicista que lle valeu o Premio Goncourt, pero anos antes irrompera na ficción presentando a desacougante O inferno (1908), escrita baixo influencias naturalistas e interpretada con posterioridade como un precedente do existencialismo. A trama é sinxela: un home alóxase nunha pensión parisiense e descobre que a través dunha fenda na parede pode esculcar o que acontece no cuarto contiguo. Ante os seus ollos -todo se fundamenta na espreita permanente do narrador- desfilan uns rapaces que perden a inocencia, unha parella de mulleres, uns amantes adúlteros ou un moribundo coa súa prometida, e coa escusa desa teimuda observación asistimos, efectivamente, a unha posta en escena asfixiante e desoladora, abondosa en interrogantes sobre as incógnitas da existencia.

«Estamos crucificados sobre o tempo e o espazo», lamenta un dos personaxes aos que axexa sen tregua o noso inquilino sen nome. A súa mirada certifica decontino o absurdo da condición humana. Todo en O inferno, mesmo os excursos científicos que se permite ese narrador sempre perplexo, acaba reducido a unha exposición da vida como unha condena á soidade e á incomunicación, a un estrañamento constante. Non hai saída: somos espectadores desconcertados dun mundo que non comprendemos e a existencia só semella revelar o seu significado cando albisca o seu final. Mentres tanto, os seres que debuxa Barbusse son criaturas desposuídas de sentido, resignadas ou rabiosas, atrapadas nos seus pensamentos, incapaces de accederen ao outro e protagonistas dun drama onde faltan respostas. «Non hai máis inferno que o furor de vivir», apúntase nas últimas páxinas. Da man desta estupenda tradución de Celia Recarey, paga a pena internarnos neses abismos.