De carne e óso

Ramón Nicolás

FUGAS

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Portas une o seu nome á longa nómina de voces galardoadas nun dos premios máis relevantes de novela galega como é o Blanco Amor. O xurado da pasada trixésimo sétima edición decidiu que o premio recaese en Por puntos: unha novela que se sitúa no mesmo ronsel, en canto a liñas argumentais que, con algunha excepción como é o caso de Lourenço, xograr, exhibe adoito nas súas propostas narrativas, isto é, esa inclinación nada oculta por adentrarse, desde atmosferas contemporáneas, polos camiños que nos achegan con transparencia, e cando cómpre con humor, a diversas tramas onde o relevante resulta ser a solidez coa que se deseñan os personaxes, sempre de carne e óso, case tanxibles e operativos para que con eles se afonde nas plurais dimensións das relacións humanas. Velaí como os comportamentos ou as actitudes de todos eles perfilan, coas súas miserias e grandezas, como na realidade son -quizais tamén como somos- sen esquecer que entre o branco e negro hai sempre unha escala cromática que debemos aprender a ver.

En Por puntos vai erixíndose, aos poucos, unha cartografía individual e coral -alicerzada nun rexistro expresivo desposuído de grandilocuencias, coidado, áxil e que imprime sempre verosimilitude- para revisar a fondo as esperanzas e desesperanzas dun grupo de persoas que se ven obrigadas a compartir catro xornadas dun curso de reeducación para recuperar o carné de conducir. Desde esa instancia, desde a obrigada convivencia que se deriva desa situación, é como cobran corpo as diferentes biografías ficcionais, as máis vítimas delas mesmas, marcadas pola soidade e o illamento, por termaren dunhas vidas infelices sen moitos horizontes, pola necesidade de comunicación e, en ocasións, pola procura de alguén con quen compartir confidencias e alumear as posibilidades dun futuro, onde o extraordinario ou o sorprendente pode acontecer.