Naves ardendo máis aló de Orión


Semella unha tarefa case imposible achegarse a Soñan os androides con ovellas eléctricas? sen que aparezan pola nosa cabeza as hipnóticas imaxes de Blade Runner, ese filme xigantesco asinado por Ridley Scott e do que Philip K. Dick, falecido tres meses antes da súa estrea en xuño de 1982, só puido ver uns fragmentos durante a fase de montaxe. O lector mergúllase nestas páxinas e non hai maneira de resistirse nin a Harrison Ford nin a Sean Young, e moito menos ao recentemente falecido Rutger Hauer, icona absoluta da película e responsable do célebre discurso dos raios-C -«Vin cousas que vós non poderiades imaxinar»- que non aparece na novela. Pero aínda con ese peso sobre os ombros, que tanto mediatiza a súa recepción dende xa hai case corenta anos, volver sobre Soñan os androides con ovellas eléctricas? sempre resulta unha experiencia gratificante, e máis agora que podemos facelo en galego nesta coidada tradución de Fernando Moreiras.

Asumindo que a novela non atinxe en ningún momento a opulencia poética do filme, e mentres pelexamos por non caer decontino en absurdas comparanzas, provoca unha gran fascinación comprobar o calado filosófico que Philip K. Dick inseriu no texto para elevalo á categoría de clásico da ciencia ficción. O lector vese atrapado nalgunhas redes que a película apenas apunta ou directamente obvia (o asunto relixioso do mercerismo, as mascotas reais e artificiais), e con esa equipaxe existencial, nun mundo contaminado por unha poeira radiactiva ao remate dunha gran guerra nuclear, seres humanos e androides Nexus 6 vagan polo mundo formulándose as mesmas preguntas que seguiremos a facernos ata a fin dos tempos. Coma no tantas veces citado poema de Borges («Llego a mi centro, /a mi álgebra y mi clave, /a mi espejo. /Pronto sabré quién soy».), os personaxes de Philip K. Dick queren descubrir o misterio profundo da vida. Estará máis aló de Orión? Todo son interrogantes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Naves ardendo máis aló de Orión