Dos arquivos de Dieste

Diego Ameixeiras

FUGAS

19 jul 2019 . Actualizado a las 11:22 h.

Agora que estamos inmersos nas profundidades do verán, é un bo momento para lecturas que precisan un tempo máis vagaroso, como lle corresponde a eses praceres aos que se lles reserva unha oportunidade especial. Ese é o caso de Rafael Dieste. O libre pensamento, a magnífica biografía coa que o xornalista Luís Rei Núñez se achegou ao escritor rianxeiro, unha figura á que se lle dedicou o Día das Letras en 1995 pero sobre a que segue pesando unha certa desatención, coma se o carácter poliédrico da súa obra se resistise a un rápido etiquetado. En realidade, o propósito de Rei Núñez era a revisión de A travesía dun século (1987), o volume co que xa iluminara a traxectoria do autor de Dos arquivos do trasno (1926) e Historias e invenciones de Félix Muriel (1943), pero a aparición de novas fontes documentais alimentou esta biografía ampliada, un rigoroso retrato que os diesteanos, tribo máis numerosa do que parece, non deberían deixar pasar. Este Rafael Dieste (1899-1981) que debuxa con excelente pulso Rei Núñez é unha persoa libre, xornalista, animador das Misións Pedagóxicas, escritor en moitas frontes, cuxo periplo vital transcorre dende a esperanza republicana ata os anos da Transición, pasando pola emigración e o exilio. Un home que superou o eixe dereita-esquerda e cuxa posición intermedia entre a tradición encarnada por Castelao e o vangardismo de Manoel Antonio, segundo sinala Rei Núñez, non deixou escola, pero si un «maxisterio indeliberado». Unha mostra do seu carácter: cando publica os poemas Rojo farol amante (1933) alguén lle di que debe conseguir o aval de Gerardo Diego, pero o rianxeiro non responde. Ese espírito nada interesado -nunca se preocupou de estar no escaparate con ningún dos seus libros- e un regreso a Galicia en 1961 cun perfil discreto seguen facendo de Dieste un personaxe por descubrir. Esta biografía é o camiño máis recto a un home libre.