A Familia Caamagno e o seu disco máis longo
Tres anos sen sacar un lote de cancións pode non ser moitos, pero si dabondo. Os mafiosos máis perigosos de Sigüeiro volven. A Familia Caamagno estreará disco en pouco máis de quince días. Farano na Sala Capitol o próximo 13 de abril, como a ocasión demanda. Unha volta ben feita aos escenarios.
O certo é que ao longo do último ano non foi doado velos tocar por aí. Os Caamagno aproveitaron o 2018 para compoñer o seu traballo máis longo ata hoxe. «Tiñamos gana de facelo. Por nós. Non miramos para o mercado, se é que hai mercado», explica Lano Caamagno, baixista da formación. «Nunca fixeramos algo máis alá das cinco ou seis cancións e é certo que hoxe o normal e tirar de formatos máis curtos pero... queriamos probar. Facer un álbum enteiro».
Seguindo coa tradición das súas obras pasadas, Había que intentalo, que así se chama o novo disco, será editado en vinilo. Tamén en cedé, por se acaso algún non ten tocadiscos na casa. A ocasión tamén reclama de certa evolución, e Lano é o primeiro en recoñecer que haberá certos cambios con respecto ao pasado da banda. «Vai ser un traballo máis relacionado co pop ou o power-pop que a ese garaxe revival dos sesenta que fixemos nos inicios. Que a xente non pense que imos pasarnos o trap», ri o baixista.
O disco incluirá o seu último single, Canción moderna de Occidente, o que xa indica por onde irán os tiros. «Quizais sexa a máis moderna esa... Cústanos moito dicir que só facemos un estilo ou unha cousa, pecharnos a algo. Imos collendo un pouco de todo o que nos mola, sexa punk, garaxe, pop ou rock».
O verán prevese intenso. Os Caamagno prometen tocar bastante este verán. No horizonte xa aparece unha data máis que tentadora: O Son do Camiño, que repetirá no Monte do Gozo como un dos festivais máis importantes de Galicia pese a súa xuventude.
Santiago sala capitol, 13 de abril, 21 horas, desde 10 euros
Comentarios