Os fabulosos fíos da memoria 

A narradora e profesora Moncha Fuentes debuta cun libro sedutor que nos achega ás loitas estudantís da Compostela do ano 68, aos conflitos obreiros de Vigo en 1972 e ao Bos Aires da emigración galega do século XX. Engaiolante


Debuta, como narradora, a profesora Moncha Fuentes (Marín, 1952) e faino cunha novela de factura excelente. O mar que nos leva é un espello caleidoscópico, máis alá da implícita metáfora envolvente no título, que nos conduce, coa forza dunha enxurrada, por unha espiral onde conflúen diversos tempos que beben, todos eles, dos territorios da memoria.

Con estes fíos, e cos da fabulación, é como se reconstrúe con solvencia a vida dunha muller chamada Mariña Brei que, a través do proceso relatado da súa educación e da súa formación, en definitiva, da súa propia vida, posibilita achegarse tamén, por exemplo, ás loitas estudantís da Compostela do ano 68, aos conflitos obreiros do Vigo do ano 72 e, ao tempo, por esas reviravoltas que a propia vida pode ofrecer grazas ao magnífico personaxe da avoa Amalia, ao Bos Aires da emigración galega do século XX e, por extensión, en páxinas ao meu ver moi brillantes, á figura de Manuel Puente e, tamén, á do propio Castelao ao fondo.

A novela tece, a través de máis dunha trintena de fragmentos narrativos, un fresco sedutor respecto do que resulta imposible manterse indiferente tras unhas páxinas iniciais absolutamente engaiolantes, que se len sen respiro, nun momento clave da biografía da propia protagonista.

LUCES E SOMBRAS

Desde aí, articúlase unha proposta narrativa na que se revelan con nitidez os esteos dunha estirpe familiar concreta, a de Mariña: estirpe, coma todas, chea de luces e sombras, con presenzas abxectas, «traizóns bastardas» e outras de ditosa evocación onde se transmite limpamente, en tantas ocasións, o estado de abatemento e desespero da protagonista, alén dalgúns momentos felices que tamén contribúen a deseñar a súa personalidade, e que mesmo dalgún xeito a derruban emocionalmente, como os que comparte con Paulo Cimadevila, con quen redescubrimos universos xeográficos que van do Galiñeiro ao Courel ou de Bande a Castro Laboreiro, se se quere, ollados con outra perspectiva.

  

AUTORA

MONCHA FUENTES

EDITORIAL

XERAIS

160 PÁXINAS

17 EUROS

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os fabulosos fíos da memoria