A torre de Hércules nunca brillou tanto

La Voz

FUGAS

EDUARDO PEREZ

Será difícil, por non dicir imposible, volver pisar e sentir ese territorio da mesma maneira que fixemos antes da lectura deste libro. Este é un dos grandes valores do último traballo de Antonio Sandoval

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Torre é, xaora, a torre de Hércules, e a ela achégase Antonio Sandoval cun bolígrafo e un caderno para desvelar, con outra ollada, o que ese tesouro significa para as persoas que gozamos ou podemos gozar dela. E resulta ser Faktoría K quen nos trae este libro, en tradución de Xesús Fraga, no seo dunha nova e singular colección chamada Vitamina N -con N de natureza, claro é- que persegue «recobrar o contacto coa biodiversidade».

Sandoval parte dunha pregunta como é «onde estou?» e, desde aí, faise a si mesmo e fainos a nós moitas preguntas nun volume concibido como unha sorte de caderno de campo, que ás veces é un diario e outras unha crónica de viaxes, abeirando ese modelo que se dá en chamar literatura de viaxes, operativo sempre para engulir unha enxurrada de pensamentos persoais mais, sobre todo, centrado naquilo que unha ollada á Torre, sobre a que tantas páxinas se escribiron -mais talvez poucas como as que aquí se incorporan-, pode deitar desde o punto de vista dun observador e naturalista que deixa constancia por escrito as sensacións e emocións que, nun determinado momento, xeran a flora e a fauna, a arte e a historia, a mitoloxía e as investigacións científicas e, claro é, ese espello que a Torre deixou nos libros e nas lectura nun diálogo fértil e suxestivo.

A singularidade desde libro repousa, talvez, nesa perspectiva de ofrecer un convite «ao pracer da contemplación, a curiosidade, a creatividade e a memoria». E o certo é que o autor traza un percorrido tan heteroxéneo e imprevisible que caermos sen decatarnos na descuberta do que é a epixenética ou nos atopamos co poeta mariñeiro Xosé Iglesias ou co escritor Xurxo Souto con toda a naturalidade do mundo. Por todo isto resulta difícil, por non dicir imposible, volver pisar e sentir ese territorio da mesma maneira que fixemos antes da lectura deste libro, e non dubido que aquí repousa un dos seus grandes valores, algo que curiosamente, con outras palabras, manifestaba C. S. Lewis, aludido tamén nestas páxinas. A Torre paréceme un libro cósmico e telúrico, un libro de historia e arte, de natureza e sentidos alerta, un brillante palimpsesto ou, se se quere, unha orixinal road movie que, ademais, contén páxinas escritas con inequívoca brillantez nas que, por outro lado, asoma o espírito divulgador e científico do autor, que tanto se agradece.