A gaiteira Susana Seivane saca o seu primeiro disco en oito anos, titulado «FA» polas iniciais dos seus dous fillos -Fiz e Antón- nacidos neste espazo de tempo e que están presentes ao longo de todo o álbum
21 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Asegura Susana Seivane que estes oito anos que pasaron dende o seu anterior disco non foron precisamente de vacacións: «Foron oito anos de silencio discográfico, pero non parei de traballar, entre xiras e colaboracións con outros músicos, como Kepa Junkera. E ademáis tiven dous embarazos e criei a dous fillos. Así que traballo tiven dabondo». Foi precisamente esta dobre maternidade a que marcou dende o primeiro ata o último tema a FA, que así se titula este novo traballo, sen dúbida o máis persoal, arriscado e ecléctico dos que ten gravado Seivane.
«Xa dende o primeiro día do primeiro embarazo inspireime moitísimo. No disco está contada a miña historia destes anos tan especiais cronoloxicamente, incluso a orde dos temas non é casualidade», conta a artista, que define o seu disco como «un saquiño de sentimentos, algúns positivos e outros negativos, porque o primeiro trimestre dos embarazos as hormonas traíanme tolas. Dicía que tiña as hormonas de repichoca todo o día. Levantábame ben, pero poñíame de golpe super triste, e despois pasaba a estar moi nerviosa, eufórica, chea de felicidade… Unha tolería. Ahí fixen un tema chamado Momentos, no que quixen plasmar esa montaña rusa de sentimentos».
Pero quizais o tema que mellor resuma o disco sexa Sabendo miradas: «É unha canción moi especial. Revólveme por dentro cando o tocamos en directo. Ten como tres partes diferentes. Na primeira reflexo as últimas semanas de embarazo, nas que estaba psicolóxicamente moi ben pero físicamente agotada. Despois hai unha parte musicalmente máis complicada, moi roquera, incómoda nalgúns aspectos, con guitarras eléctricas, berros meus… Ahí reflexo as dores do parto. E a terceira parte é o necemento dos nenos, nos que conto con dous audios moi especiais. Un é o corazón de Fiz cando aínda estaba en xestación, que mo gravou o meu xinecólogo, Chema Ríos, que tamén é músico. E recuperamos o audio do primeiro choro do pequeno, de Antón, do vídeo do parto». Inclúe esta complexa obra ata unha fusión co flamenco: «É unha homenaxe á miña familia materna, que é dun pobo de Jaén. Sempre tiven moitas ganas de fusionar a gaita co flamenco.