A outra emigración a América

Ramon Nicolás

FUGAS

JOSE MANUEL CASAL

Xavier Alcalá escribiu multitude de páxinas que reparan neses fíos ás veces visibles, e outras non tanto, que unen Galicia e Arxentina. Con The making of, dalgún xeito, o autor axusta contas con dous elementos innovadores

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro céntrase, precisa e significativamente, no como se fixo ou no así se fixo, destacado no propio título do libro, e que se focaliza como advertencia prioritaria. Esta orientación achega a proposta a unha sorte de non ficción que engloba o relato do proceso de esculca e investigación que un enxeñeiro leva a cabo tras recibir a petición, por parte dun compañeiro de traballo, de que investigue a morte do seu avó na Patagonia. O espello deste proceso será o que nos leve, nun tempo próximo a nós, á investigación que o enxeñeiro vai realizando coa axuda de personaxes claves como Cholo Rei -un «sabuxo patagónico»- ou o vasco Koldo, e grazas, asemade, aos resultados que obtén das diversas visitas que el mesmo realiza á Arxentina.

O outro eixe que ocupa a novela é a recreación que se constrúe en base ao que se foi compilando e coñecendo a través de fontes orais ou documentos policiais e xudiciais.

Todo por xunto é o que dalgún xeito se ofrece noutra novela que encerra The making of e centrada na vida dun personaxe -Alfredo Mosquera, o Coghomelo, o Petiso Forzudo ou Gayego Mosca, que a todos estes nomes responde-, que protagoniza unha historia relatada con forza e verosimilitude para revelar as peripecias deste emigrante que non simboliza o éxito senón un fracaso, mais un fracaso tan cheo de matices como os que ten a súa propia personalidade.

Resulta difícil empatizar coa figura do protagonista, a non ser pola relación de amizade que mantén con outro emigrante chamado Jesús Pedreira, e talvez non sexa xustamente ese o obxectivo da novela senón, como dixen antes, evidenciar que na emigración galega á Arxentina se deron casos como o que aquí se recrea, isto é, casos nos que o individuo, carente de ética, se extravía no uso de todo tipo de violencias e nos negocios clandestinos.

A carón desa biografía corren, claro é, ríos paralelos que verten augas nas dimensións da emigración galega que chega a unha cidade de latas e vento como é Comodoro Rivadavia, ao universo do activísimo sindicalismo ou á sorprendente presenza dos nazis na Patagonia.

Por todo isto, e máis razóns, creo que é unha novela que cómpre coñecer. 

Xavier Alcalá: «Na actualidade, o drama de Galicia é que a diáspora aínda non acabou»

borja casal / x. f.

O escritor Xavier Alcalá presenta hoxe a súa última novela na Feira do Libro da Coruña, ás 20.30 horas. Publicada pola editorial Galaxia, The making of conta a historia dun escritor que, grazas a un xornalista galego coñecido como Cholo, indaga na vida de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante galego chegado a Arxentina nos anos 30 que colaborou cos nazis durante a Segunda Guerra Mundial.

-Na súa obra xa ten tomado Arxentina como espazo literario. Por que regresar de novo?

-Para min existe un atractivo vivencial. Pasei moito tempo noutros sitios como Bruxelas, pero non me chegaron da mesma forma que Arxentina. As Américas en xeral, e as inmensidades do Brasil e da Arxentina en particular, lévanme a que non poida parar de buscar ambientacións. A enormidade deses territorios vastos e baleiros xa me arrastra. Esta é unha novela que debía ter escrito hai bastantes anos, pero polo medio se me meteron outras historias. Non é que eu volvese á Arxentina, todo isto xa viña de atrás. Teño unha relación persoal e familiar co país que me facilita moito as cousas.

Seguir leyendo