«Versogramas» é un libro que incorpora un documental creativo. Un proxecto de Belén Montero e Juan Lesta que han de agradecer tanto as persoas que se achegan por primeira vez ao xénero como quen desexe coñecer as tendencias internacionais
29 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Tras os volumes Pelerinaxes e A cicatriz branca, este último de Margarita Ledo Andión, a colección Libro-Cinema da Editorial Galaxia enriquécese coa publicación deste sorprendente Versogramas: un libro que incorpora un documental creativo articulado como un achegamento, a meu entender inestimable, ao panorama internacional da videopoesía e que forma parte dun proxecto transmedia máis amplo. Producido por Esferobite e coa coprodución da Televisión de Galicia, é este un proxecto presentado baixo a responsabilidade de Belén Montero e Juan Lesta, con música de Isaac Garabatos e concibido a partir dunha idea orixinal de Celia Parra, quen precisamente define a videopoesía, nas páxinas do libro que acompaña o documental, como un xénero audiovisual «baseado nun texto poético, que recrea ou amplía a súa atmosfera mediante un uso creativo da imaxe, o texto, o audio e a música».
Deste xeito Versogramas convértese nun traballo pioneiro e de excelente factura, presentado nunha formulación realmente atractiva, que moito han agradecer tanto persoas que se achegan por primeira vez a este xénero que funde nunha simbiose particular poesía, son e imaxe como aqueloutras que desexan coñecer as tendencias internacionais da videopoesía actuais.
O libro, alén de textos precisos de Celia Parra, Antía Otero, Belén Montero e Manuel González, que axudan a entender tanto o propio proxecto como o xénero en si, amosa un quen é quen da pluralidade de voces que se recollen no documental como son Dionisio Cañas, Marc Neys, Miriam Reyes, Hernán Talavera, Elena Chiesa, Eduardo Yagüe, Melissa Diem, Daniel Cuberta, Eugeni Bonet, Martha McCollough ou Belén Gache, alén das voces galegas representadas por Iria Pinheiro e por Yolanda Castaño e Antón Reixa --na miña memoria aínda aquel fabuloso Ringo Rango de comezos dos anos noventa-, incluíndo asemade numerosos fragmentos de videopoemas destas e doutras voces.
A videopoesía, que tamén conta entre nós cunha asentada tradición no mundo do ensino, dispón agora dunha ferramenta utilísima e inspiradora para afondar nas súas diversas posibilidades e tamén para coñecer ou divulgar, igualmente desde as instancias da creación e a emoción que xera a poesía, un dos camiños polos que esta transitará no futuro pois sen dúbida que, a carón da sorte que corre a poesía dixital, abre novos horizontes e cómpre estar neles.