Un aquelarre convertido en romería

Ao longo do 2017 gravaron 12 vídeos, un por mes. Eses 12 temas recompílanse agora nun disco que amosa que o punchi no só está moi vivo, senón que é ben necesario


O punchi must go on, titula A Compañía do Ruído o seu novo disco. E ben certo que é. Se cadra é mais necesario que nunca. Porque o punchi é un berro ceibe, un grito de raiba. Pero tamén é unha chamada á festa, un aturuxo. «Música para divertirse, música contra a opresión», resumen eles en Falabarato. As doce cancións deste traballo nacen dunha tolería tan apaixonante como intrépida. Para conmemorar os seus 15 anos de vida A Compañía propúxose gravar no 2017 un vídeo dunha nova canción cada mes. Partindo sempre de cero. De aí a súa diversidade no estilístico, nas temáticas e no musical. Dende a reivindicación e dignificación das nosas melodías tradicionais antigas coas que se abre o disco -«os nosos avós non bailaban coa París de Noia»- ata á irmandade co folklore vasco co que se pecha, pasando polo ska, os ritmos latinos, os balcánicos, as rancheiras e, por suposto, o punk. Todo ten cabida neste particular aquelarre ruidoso e festivo.

As doce cancións aparecen recollidas tal cual foron gravadas no seu momento, sen arranxos nen produción posterior algunha. «Deixamos que soase como moi maqueteiro, moi espontáneo, e ao tempo que reflexara a realidade de como se vai a escoitar en directo», explica Suso Bello, alma máter da banda.

Hai nestes 12 temas un que simboliza e define como ningún outro a esencia da banda, a Muiñeira punki. «Malia que nos acheguemos a moitos estilos ou variantes, esa ten que ser a liña». Festivos e apegados á tradición no musical e punkis na actitude e nas mensaxes. E se non que llo pregunten a un tal Mariano ao que, ademais dalgún mítico sampler, lle dedican unhas non moi agarimosas cantigas ao compás de 6x8. Moitas son as alusión sociais e políticas coas que de xeito explícito arremete A Compañía. Fascismo, capitalismo e toda clase de ismos / veñen os netos de Franco e seguen a matar os mismos. / Políticos e monarcas, vaia panda de farsantes... Tal e como están as cousas, non hai medo?, pregúntolle a Suso Bello. «O medo deberíano ter eles», dime. «Cantar, bailar e protestar e o único que podemos facer contra toda esa tropa. E como somos moito de usar a retranca se cadra non atopan as palabras malsoantes».

A defensa da lingua -a da terra e a dos bares- é outra das constantes dun disco que ten un dos momentos máis emotivos en Milhomes, o tema que iniciou a serie 12 meses 12 punchis, un comprometido alegato feminista que, cando menos, soa infrecuente escrito e cantado na voz dun home.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Un aquelarre convertido en romería