Mulleres en Harlem

Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

FUGAS

16 mar 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

O termo passing empregouse nos Estados Unidos para definir o comportamento das persoas dun determinado grupo racial, polo xeral negros, que se facían pasar por brancos para superaren a discriminación sufrida pola cor da súa pel. As consecuencias desa conduta, cunha evidente significación sociolóxica, serviron de material literario para novelistas como Mark Twain, Boris Vian ou Fannie Hurst, cuxa Imitation of Life converteu Douglas Sirk no formidable melodrama de 1959 protagonizado por Lana Turner. Ese fenómeno de ocultación motivou tamén o traballo narrativo da escasamente difundida Nella Larsen (1891-1964), autora en 1929 dunha novela cuxo título orixinal coincide co termo referido, dispoñible agora en galego como Pasar nunha excelente tradución de Carlos Valdés. Non foi Larsen, enfermeira e bibliotecaria de profesión, unha escritora demasiado prolífera. Engádaselle unha novela anterior, Quicksand (1928), e uns cantos relatos breves. Pero esa traxectoria serviulle para ser considerada unha das figuras centrais do Harlem Renaissance, estoupido cultural protagonizado polas mentes máis activas do barrio neoiorquino a partir de 1920. Pasar chega ata nós coma un tesouro agochado desa convulsión. Unha peza breve de forte intensidade dramática onde dúas mulleres de raza negra, amigas dende a infancia, marcan territorio. O desexo, a identidade e o estigma racial xuntos. Todo aberto de par en par pola primeira muller afroamericana que recibiu unha bolsa Guggenheim.

«PASAR»

AUTORA

NELLA LARSEN

EDITORIAL

IRMÁS CARTONÉ

TRADUCIÓN DE CARLOS VALDÉS

160 PÁXINAS.

13 EUROS