Obreiros por todas partes

Diego Ameixeiras 1.280 ALMAS

FUGAS

02 feb 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Sorprende a conexión co presente dunha novela como A obra (1894), un dos maiores éxitos da escritora e xornalista italiana Vicenza Beatrice Speraz (1843-1923), coñecida nos círculos literarios da época como Bruno Sperani. Non se obvian as desgrazas do proletariado milanés de finais do XIX, subxugado pola rapacidade extrema dunha oligarquía cuxos desmandos chegan aos nosos días, pero chama a atención o detalle co que a autora describe o drama dos desaloxos, coas familias obrigadas a marcharen das súas casas ante a presión especuladora. «A ansiedade, a incerteza, a vergoña manifestábanse nos seus rostros descompostos, palidísimos ou estrañamente acendidos», escribe Sperani sen indicios de neutralidade. Botado a andar o século XXI, teimamos en compoñer ese mesmo argumento entre os titulares do día. Por esa razón, sendo realistas, non deberiamos asombrarnos tanto polo vencello desta esquecida novela coa actualidade. «Xente sen casas, casas sen xente», rezan algunhas pancartas de hoxe. A historia que conta A obra funciona como unha dramatización da loita de clases, e xa sabemos que ese motor conta con gasolina abondo para interpretar dende un ángulo disidente o estado actual das cousas. Máis acaído sería dicirmos que Sperani entretece un estimable melodrama romántico cos vimbios da clásica novela de tese, describíndonos a peripecia vital (as calamidades superlativas) dunha parella de obreiros. Son Luisa Terragni e Francesco Bittosi. Están por todas partes.

«A OBRA»

AUTOR

BRUNO SPERANI

TRADUCIÓN

ISABEL SOTO

EDITORIAL

HUGIN E MUNIN

176 PÁXINAS

14,50 EUROS