Olor a fascismo


Estamos demasiado afeitos a que no ardor da tertulia política apareza alguén chamándolle fascista a todo o mundo. Para que esforzarse no matiz, podendo erguer unha nubarada de po antes da publicidade. Disque en tempos convulsos vemos fascistas a torto e a dereito, se cadra porque levamos dentro un tirano que dorme o longo pesadelo da historia. Ultimamente somos bastante fascistas sen sermos conscientes do noso fascismo. Sobre todo, cando teimamos en banalizar así a película de terror perpetrada polo Terceiro Reich. Non caben tantos fascistas xuntos na política, aínda que os haxa. Quizais todo se entenda pensando que os que sinalan fascistas con tanta alegría levan unha vida tristemente fascista.

Unha solución para quitarnos ese costume pasa por ler a Ödön von Horváth (1901-1938), que publicou a perturbadora Mocidade sen deus (1937) cando o nazismo levaba xa catro anos ocupando o poder. Daquela o escritor viaxaba por Europa para instalarse en París, onde falecería prematuramente. A novela non tardou en aparecer na lista de obras prohibidas nos territorios baixo dominio alemán. «Horváth decatárase con extraordinaria agudeza de que xa non era posible responder ao terror da realidade cunha literatura de terror», evidenciou Alfred Kazin. Todo comeza cun mestre recriminándolle a un alumno un comentario racista. O resto, efectivamente, é fascismo. Pero do que escribiu a páxina máis tráxica da historia. O que desprende olor a morte e podremia moral.

AUTOR

ÖDÖN VON HORVÁTH

TRADUCIÓN

PATRICIA BUJÁN

EDITORIAL

IRMÁS CARTONÉ

216 PÁXINAS

15,75 EUROS

Votación
0 votos
Comentarios

Olor a fascismo